Desde hoxe xa se poden adquirir os convites e entradas (só concertos no Auditorio de Galicia) para o IX Festival de Músicas Contemplativas. Dezasete concertos encherán de música a Semana Santa compostelá, entre o 27 de marzo e o 5 de abril, en diferentes espazos singulares da cidade: o Auditorio de Galicia, a Cidade da Cultura, a Capela da Orde Terceira, os conventos do Carme de Arriba e de Santa Clara e as igrexas de San Domingos de Bonaval, San Miguel, San Paio de Antealtares, San Fiz de Solovio e a da Universidade. “Camiños…” é o lema condutor dun amplo programa cheo de música espiritual, sacra e de raíz… Música, tradición, arte e cultura únense nunha proposta que aposta pola diversidade cultural.
Entradas
As entradas serán gratuítas para todos os concertos (excepto os celebrados no Auditorio de Galicia), previa recollida de invitacións no despacho de billetes do Teatro Principal a partir do 12 de marzo. O horario do despacho de billetes será o habitual (de 18:00 a 21:00 horas de martes a sábado) e os días do festival abrirá unha hora antes, ás 17:00 horas. Ademais, os convites tamén se poderán recoller unha hora antes do inicio de cada concerto no lugar de celebración do mesmo. Esta invitación será válida ata 10 minutos antes do inicio do concerto (a organización resérvase o dereito de utilizar as localidades non ocupadas polo público 10 minutos antes da hora de inicio do concerto).
Os concertos de pago serán os celebrados no Auditorio de Galicia: o concerto inaugural da Real Filharmonía de Galicia ten un prezo de 12 euros e poden mercarse as entradas no despacho de billetes ou na web e teléfono de Abanca; e o da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia terá un prezo de 3 euros (será gratis para os abonados-as Auditorio de Galicia) e poderán mercarse as entradas no despacho de billetes.
Programa
Turquía, Siria, Alxeria, Afganistán e a India son algún dos países representados no festival… Na actuación do Meshk Ensemble turco poderemos gozar dunha ilustrativa mostra do cerimonial Sema, dos semazen (dervixes) sufís, que inclúe pezas dun singular patrimonio perdidas e recuperadas como froito das investigacións do seu director Timuçin Çeviko co mestre da frauta de bambú, nominado aos Grammy, Shashank Subramanyan e o percusionista Sai Giridhar poderemos profundar na tradición musical de 4.000 anos de antigüidade e na práctica de improvisación da música clásica do sur da India.
Residente en España hai dúas décadas, o sirio Gani Mirzo amosará a súa sensibilidade e compromiso cos exiliados do seu país nun concerto no que combina temas do seu último traballo discográfico, titulado Kampo Domîz (un campo de refuxiados sirios no Kurdistán iraquí), con algunhas das súas mellores composicións froito dunha activa carreira recoñecida polo seu labor na fusión de xéneros e tradicións como as músicas curda e xenericamente oriental, o flamenco e o jazz.
Respectada e unha referencia na recuperación e na docencia da tradición musical arabo-andalusí, a alxeriana Beihdja Rahal descubriranos a Nouba, o corazón da tradición musical da cidade magrebí de Alxer e a expresión máis clásica da música arabo-andalusí. Zooreh Jooya e o Ensemble Afghan ensinarannos coas súas Cancións de Afganistán unha tradición musical que se atopa entre as máis refinadas de Asia.
Peregrinacións e viaxes… Como a realizada hai 800 anos a Santiago de Compostela por San Francisco de Asís, unha das figuras máis emblemáticas do mundo cristián, e apaixonado pola música, á que rende homenaxe musical Ars Atlántica nun programa con himnos ambrosianos e gregorianos deseñado polo arpista compostelán Manuel Vilas. Ou o da virtuosa zanfonista canadense Tobie Miller, que convencida da “viaxe como pasaxe na vida” ofrece a súa experiencia vital e viaxeira nun programa no que alterna composicións orixinais con improvisacións e adaptacións sobre temas da tradición relixiosa doutras culturas.
Botaremos unha ollada cara o sur, cara o Camiño Portugués, nunha ruta de ida e volta na compaña do novo Projecto Alba, que no seu concerto retrata unha viaxe musical que parte da canción de Coimbra, do Fado, pasa por temas asociados a cidades do norte de Portugal e chega até a canción galega. Ademais de a San Francisco de Asís, tamén teremos a oportunidade de lembrar e descubrir o mundo poético-musical doutra santa, Teresa de Ávila, no seu quinto centenario, nunha proposta no que o tenor José Manuel Montero e o arpista Juan Ramón Hernández interpretarán os seus poemas recitados e cantados con tons da liturxia e músicas de compositores da época.
O Réquiem de Cristóbal de Morales, referente da polifonía renacentista ibérica, sempre gozou, durante séculos e até os nosos días, da admiración doutros compositores: esta obra mestra será interpretada por unha agrupación da categoría de Musica Ficta, conxunto con máis de vinte anos de experiencia e considerado un dos máis destacados renovadores da interpretación da música antiga en España.
Cos menestreis, cornetos, chirimías, sacabuches e serpentóns, do conxunto alacantino Lucentum XVI seguiremos inmersos nas músicas do Renacemento escoitando magníficos exemplos contidos nos manuscritos do século XVI, hoxe coñecidos como cancioneiros. Magna obra, probablemente a máis importante da Idade Media occidental, estudada a nivel teórico e interpretada por todo o mundo son as Cantigas de Santa María de Afonso X que serán presentadas por dúas iniciativas musicais composteláns da relevancia de Resonet e a Escolanía da Catedral.
Camiño dos seus 50 anos de historia, unha institución de referencia na vida musical compostelá como o Orfeón Terra a Nosa presenta, a través da súa Capela Antiga, un programa de polifonía coral vinculado á Catedral de Santiago, mentres, para a súa segunda participación consecutiva no festival, a Banda Municipal de Música de Santiago confeccionou un variado programa de composicións orixinais, transcricións e arranxos para orquestras de ventos de himnos, marchas e corais.
Johann Sebastian Bach, mestre entre mestres, entornou boa parte do seu xenio e laboriosa mestría na cantata relixiosa. A Real Filharmonía de Galicia e Maximino Zumalave volven este ano a centrar a súa atención nestas cantatas, das que se conservan 200, e fano xunto á mezzosoprano ilerdense Marta Infante para interpretar dúas das tres cantatas escritas para a voz de alto por Bach durante o verán de 1726, un período no que o cantor de Leipzig debeu contar cunha virtuosa cantante. As orquestras galegas están dobremente representadas no festival e a Real Filharmonía de Galicia será a encargada de inaugurar o festival no Auditorio de Galicia, compartindo escenario con emerxentes talentos como os do director británico Andrew Gourlay e a violinista xermana de orixe ruso Alina Pogostkina, cun programa inspirado no Clasicismo vienés no que ademais poderemos descubrir as heteroxéneas Humoresques para violín e orquestra do finés Jean Sibelius.
Fiel á súa cita anual co festival e como froito do encontro orquestral para novos intérpretes que o Consorcio para Promoción de Música da Coruña organiza nestas datas, contamos coa participación da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, un conxunto que é a viva imaxe do futuro da música clásica en Galicia. O Festival de Músicas Contemplativas achega referencias do noso patrimonio musical e doutras culturas presentadas por un sólido elenco de artistas internacionais que comparten un estimulante cartel ao carón de músicos galegos e chegados a Compostela, como se dunha peregrinación musical se tratase, de diferentes puntos da Península Ibérica.
que boa nova, a ver se podo asistir a algún ¡¡¡¡¡¡¡¡¡
Pingback: Tobie Miller en Galicia - Folque