A Rede de Músicas Soltas arrinca o domingo 15 de xaneiro ás 20h con Juan Perro, alter ego artístico de Santiago Auserón que nos presentará o seu novo disco “El viaje”, sétimo álbum de Juan Perro, gravado co único acompañamento da súa guitarra acústica. Unha colección de cancións pacientemente elaboradas e rodadas, buscando o núcleo no que o canto xermina, o esquelete espido que comeza a despregarse na busca do oínte.
Venda de entradas: no Auditorio da Xunqueira desde o mércores 11 de xaneiro en horario de 10 h a 14 h e de 17 a 21 h. Reserva no mesmo lugar, ou no teléfono 986 40 28 65, desde o mércores da semana de cada concerto. IMPORTANTE: as reservas hai que recollelas até o sábado até ás 14 h no propio Auditorio, a partires desa hora, pérdese a reserva e queda a disposición da billeteira antes do concerto.
O prezo da entrada é de 20 € en billeteira, 15 € anticipada e 10 € reducida (nenos menores de 10 anos, parados ou persoas pensionistas)
Desde o tema que abre o disco, Los inadaptados, até o tema que o pecha e dá título ao álbum, a busca de equilibrio entre o risco poético e as formas da canción popular recorren un amplo abano de estilos. No novo repertorio de Juan Perro, a herdanza afro-norteamericana (o blues, o R&B, o rock, o soul, os estándares jazzísticos) intégrase de maneira cada vez máis natural coa tradición afrolatina –principalmente cubana– e coas músicas de Iberia. O verso en castelán evoluciona así nun ámbito renovado de sonoridades con fundamento e ideas atrevidas, con gañas de futuro. A escrita e a interpretación de Auserón empezan a achegarse á madurez, sen deixar atrás o descaro de experimentador adolescente.
Se queres saber deste traballo, visita a entrevista para El País sobre o proxecto: http://cultura.elpais.com/cultura/2016/12/19/actualidad/1482173580_773632.html