Laudatio Funebris en Ferrol

Venres, 13 de marzo – 19:30 h
Ateneo Ferrolán Rúa Magdalena 202-204 Ferrol

aCentral Folque -coa colaboración do Ateneo Ferrolán, presenta en Ferrol o libro Laudatio Funebris. Da morte, o pranto e o alén no Reino da Galiza, de Andrés Díaz e Eva Moreda, unha obra que afonda nas representacións culturais, musicais e literarias da morte na Galiza medieval.

Que significaba morrer na Idade Media? Os prantos galego-portugueses amósannos un conxunto de prácticas culturais nas que a morte non era só un feito biolóxico, senón tamén un acto social, político e artístico. Estes poemas musicados, creados no ámbito cortesán e relixioso para conmemorar a morte dunha persoa e con ecos na tradición popular, transmiten unha pluralidade de voces e revelan como se construían formas colectivas de memoria, identidade e poder.

Redescubrilos hoxe é unha oportunidade para volver a un tempo no que a morte se representaba, cantaba e ritualizaba para dotala de sentido, deixando un legado literario, lingüístico e emocional que segue a interpelar a nosa sensibilidade contemporánea.

O acto contará coa presenza dos dous autores, Andrés Díaz e Eva Moreda, que estarán acompañados por Ramon Pinheiro, director da editora aCentral Folque, que dialogarán sobre o proceso de investigación e sobre o lugar que ocupa a memoria funeraria na cultura galega.

O proxecto LAUDATIO FUNEBRIS: Da Morte, o Pranto e o Alén no Reino da Galiza está enmarcado nos Fondos Reino de Galicia da Deputación da Coruña.

Bookmark the permalink.

Deixa un comentario