María Faltri no Campo de Fóra

Segundo concerto do ciclo de actividades No Campo de Fóra que aCentral Folque leva aos centros socioculturais de Santiago co espectáculo especial para este 2025 conmemorativo do Día das Letras Galegas á canción tradicional. María Faltri presenta o programa Coa pandeireta na man, acompañada do músico Reynier Aldana nun concerto didáctico e participativo sobre un repertorio de cancións emblemáticas dos últimos 25 anos da música tradicional.

Tocarán no CSC do Romaño ás 19 horas este luns 12 de maio con entrada libre até completar capacidade nun espectáculo a estrear co gallo das homenaxeadas polas Letras Galegas 2025.

Sobre o espectáculo

‘Coa pandeireta na man’ con María Faltri e Reynier Aldana é un espectáculo pensado para achegar aos máis pequenos á riqueza da música tradicional galega e á importancia da tradición oral. Con este proxecto, María Faltri quere rendir homenaxe ás cantareiras e á cultura popular galega, transmitindo a súa esencia de xeito lúdico e participativo.

Neste espectáculo, María Faltri, guiará aos asistentes nunha viaxe pola música galega, ofrecendo un repertorio de cancións emblemáticas dos últimos 25 anos da música tradicional. A través de xogos de repetición, bailes e brincadeiras, as nenas e nenos terán a oportunidade de recoñecer parte da historia popular e tradicional da nosa música, facendo súa a importancia da tradición oral. María, membro do emblemático grupo Faltriqueira, dará vida a estas cancións sen esquecer a súa vertente pedagóxica, explicando a orixe e o significado de cada peza e instrumentación. A súa voz e pandeireta, acompañadas por outros instrumentos tradicionais como a gaita, o acordeón, a guitarra, o pandeiro e as cunchas, enriquecerán a experiencia sonora e creativa do público.

As crianzas tamén poderán interactuar cos instrumentos, tocando cunchas ou pandeiretas, seguindo ritmos e aprendendo sobre as sonoridades que dan forma á música galega. A participación será unha parte fundamental, permitindo que a tradición se manteña viva e se transmita ás novas xeracións.

“Coa pandeireta na man” é un espectáculo que ofrece unha experiencia completa para toda a familia, onde música, xogos e tradición se entrelazan para garantir que o legado das nosas raíces culturais continúe vixente, creando un espazo de aprendizaxe e diversión, ao mesmo tempo que se preserva e honra a historia da música galega.

Sobre o elenco

María Faltri, 20 anos levando a tradición galega polo mundo. Cantareira, divulgadora e creadora, María Faltri leva máis de dúas décadas espallando a música tradicional galega con paixón e innovación. Fundadora de Faltriqueira, agrupación pioneira que abriu novos camiños para a música de pandeireta, levou os sons da nosa tradición por escenarios de todo o mundo, convertendo a cultura galega nun auténtico pasaporte sonoro.

Como divulgadora, dedicou máis de 10 anos á creación de espectáculos infantís que conectan ás novas xeracións coa nosa tradición, ofrecendo propostas que mesturan a historia coa frescura e a participación familiar. Sempre na vangarda, forma parte de Galician Messengers, un proxecto que reivindica a pandeireta como instrumento clave na música moderna, fusionándoa con sons urbanos e contemporáneos, demostrando que a tradición segue viva e en constante evolución.

Nesta aventura acompáñaa Reynier Aldana, músico multiinstrumentista e apaixonado da música popular.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario