Vilela e Castaño presentan Mat[R]iz

Este próximo mes de maio comeza a xira galega de Mat[R]iz (aCentral Folque, 2022) a última produción discográfica en formato vinilo de aCentral Folque. Ás beiras do río Sarela en Compostela, no ano 2021, produciuse o alumbramento deste traballo musical resultado do encontro entre Ivam Vilela e Pablo Castaño aínda que o disco non estivo rematado ata o pasado ano 2022.

Ivan Vilela, virtuoso da viola de dez cordas –viola caipira ou aínda viola brasileira– é un dos artistas máis influentes da música instrumental brasileira, con Pablo Castaño, nome referencial do novo jazz galego, revélasenos en Mat[R]iz , unha das principais novidades no panorama discográfico galego do ano.

A dupla achega o seu toque persoal e orixinal ás músicas do mundo transitando con naturalidade nas súas creacións entre os contextos erudito e popular, a improvisación do jazz, o feitizo dos ritmos da música brasileira e o lirismo enérxico do canto popular galego.

A suavidade e destreza destes músicos mergulla ao público nunha atmosfera de espiritualismo sonoro onde se suceden melodías con sabor poético comprometidas coas sonoridades tradicionais. Facendo confluír dúas tímbricas infrecuentes, ofrecen versatilidade, dinámica interpretativa e variacións estéticas dotadas dunha sorprendente cohesión. Esta mestura de sons contemporáneos e rescate da tradición vese reforzada coa colaboración especial das poderosas e cálidas voces de Felisa Segade e Gabi Reboredo que estarán presentes nos concertos de Compostela e A Coruña.

Tanto Felisa como Gabi foron protagonistas de dúas das creacións audiovisuais que se corresponden con temas contidos en Mat[R]iz . Bótalle un ollo!!:

A xira galega

A xira de concertos percorrerá as seguintes prazas:

  • 5 Maio. Auditorio Municipal “Arcos Moldes”, Rianxo, 21:00h. .
  • 6 Maio. Teatro Principal, Santiago de Compostela 20:30h ft. Felisa Segade e Gabi Reboredo. Billeteira on line.
  • 12 Maio. Sala A Arca da Noe, Vilar de Santos (Ourense) 22:00h. É ceia-concerto 20€. Reserva no whatsapp 699 48 62 82
  • 14 Maio. Teatro Colón, A Corunha, 20:00h ft. Felisa Segade e Gabi Reboredo. Entradas de balde con reserva.
  • 17 Maio. Auditório da Casa-Museu Rosalía de Castro, Padrón, 20:00h. Entrada de balde.

Os músicos

Ivan Vilela (Minas Gerais, 1962) é un compositor, arranxista, pesquisador, profesor e violeiro brasileiro. Entre traballos solos e colectivos ten máis de 18 álbums lanzados dos cales se destacan os instrumentais Paisagens, Dez Cordas e Do Corpo a Raiz, que levaron a viola brasileira a un novo
horizonte de composición e execución. Desde 1996 é reclamado con asiduidade por festivais europeos de Alemaña, Francia, Portugal, Italia, Inglaterra ou España. Foi recoñecido con importantes galardóns musicais como o Premio da Música Brasileira 2011, o Premio IBAC de Cultura Brasileira
2009, o Premio Rival BR de Música Popular Brasileira 2005, a Medalla Carlos Gomes 2002 ou o Premio Sharp Revelação Instrumental en 1999 polo seu CD Paisagens. Mestre en composición musical pola Unicamp e doutor en Psicoloxía Social é actualmente profesor de viola na Universidade de São Paulo.

Pablo Castaño (Padrón, 1976) é titulado superior en saxo polo Conservatorio de Santiago de Compostela e diplomado en Educación Musical pola USC. No 2007 obtivo o BFA en Jazz Performance na New School University (NYC) e residiu como músico freelance na cidade de New York. Traballaría de sideman en concertos e gravacións con Tom Abbott, Stan Rubin, José James, Eyal Vilner, Wade Burnes, Bobby Sanabria, Woogie Lee, Art Lillard, Youngmin You e Félix Endico entre outros. Xa de volta na Galiza colabora regularmente con Xacobe Martínez, Marcos Pin, Abe Rábade, Iago Fernández, Yago Vázquez ou Marcelino Galán e lidera o seu propio septeto e trío. Participa na xira e gravación da Descarga ao Vivo Cuba-Galiza (aCentral Folque, 2009) e forma parte do elenco de músicos de A ópera dos 3 reás do CDG. Ademais exerce a docencia no Conservatorio de Grado Medio de Ribeira, na Escola Estudio e imparte regularmente master class e seminarios de jazz. En A-la-láa (aCentral Folque, 2018), o seu primeiro disco como leadership, explora desde a linguaxe do jazz as melodías e modos do alalá, xénero fundamental da música patrimonial galega.

Escoita Mat[R]iz en Spotify

Podes mercar o vinilo en Inquedanzas sonoras ou no Consorcio Editorial Galego

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

2 Comments

  1. Teresa Leira Alvarez

    AGARDAMOS DISFRUTAR DESE NOVO TRABALLO
    GRAZAS!!!!!

  2. Moi bo o concerto de onte, na Coruña. Fíxose curto!
    E o disco, cun fermoso deseño, é a mesma marabilla. Parabéns!

Deixa un comentario