A Semana Cultural de Conxo acollerá a estrea en Santiago de Compostela do novo proxecto de música de raíz de Carlos Quintá, o mestre de violino na Escola de Música de aCentral Folque e de Xan Pérez, cantor e percusionista. Meninos do pandeiro é un un novo grupo sobre as bases da tradición de matriz rural e transmisión oral a cargo destes dous veteráns da música folc galega para recrear música para o baile, a diversión e a festa. A partir da música popular da tradición oral, elixen espirse, liberándose de sons pregravados e de propostas escénicas pretenciosas, nun exercicio esencialista, no que o acordeón diatónico, a voz e as percusións móstranse preparados para facer do campo da festa un momento de participación para o público.
A actuación terá lugar o vindeiro luns 8 de setembro ás 20 horas na Praza de Aurelio Aguirre, ao carón do Centro Sociocultural con entrada libre.
Sobre os músicos
Xan Pérez comeza no mundo da música tradicional coma gaiteiro ós nove anos, estuda no Conservatorio Mayeusis e na eTrad de Vigo. Formou parte de formacións como a Orquesta Folk Sondeseu, as agrupacións folclóricas O Fiadeiro, Traspés e a Banda de gaitas Xarabal. Entre 2019 e 2022 actúa en directo co grupo Los Jinetes del Trópico; no 2021 forma parte da banda que acompaña en directo ao cantante Nelson Quinteiro. No 2022 grava e actúa en directo tocando percusións e cantando no proxecto Peixe de Xisco Feijoo.
Dirixíu a charanga da agrupación Traspés e na actualidade é mestre de gaita, canto e percusión tradicional en diversas en asociacións do sur galego coma Atios, Vilar de Santos, A Merca, Salvaterra e Rairiz de Veiga.
Carlos Quintá estuda acordeón diatónico con Pedro Pascual no Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín e de violín cursando ate grado medio na música académica para despois ampliar estudios de maneira autodidacta nos rexistros das músicas populares. Asiste a talleres de música con mestres coma Jacky Molard, Janick Martin, Alain Pennec, CatiPlana, etc. Desde o ano 2024 é o profesor de violino na Escola de Música de aCentral Folque en Santiago de Compostela. Desde o ano 2007 é músico das compañías de teatro e teatro de monicreques Seisdedos, Viravolta e Fantoches Baj, coas que leva participado na creación de máis de dez espectáculos e máis de 500 representacións por toda a península. No 2021 partilla con Pedro Pascual a publicación De Botóns, o máis extenso traballo sobre acordeón diatónico na Galiza. Tamén 2021 graba, arranxa e produce artísticamente o disco Peixe do cantante e bailarín Xisco Feijoo. Ten participado, tanto en grabacións como ao vivo con diferentes grupos como Os Cempés, Motor Perkins, Ataque Escampe, etc.








