Curso: Variantes na música tradicional

Dentro dos Monográficos para o curso 2023 aCentral Folque ofrece un  Curso de Variantes na música tradicional da man dun dos meirandes expertos na materia en Galiza, o etnomusicólogo e mestre Sergio de la Ossa. Serán 4 horas de carácter introductorio para achegamento sobre un dos aspectos máis característicos da música de transmisión oral, frecuentemente relativizado, especialmente desde a fixación dunha ‘versión final’ que se recolle en cancioneiros ben con partitura ou con gravacións e que está ben lonxe da práctica real das persoas que (re)interpretan esta música tradicional.

As prazas son limitadas para garantir un ótimo desenvolvemento do curso.

  • Data: sábado 13 de maio
  • Horas: 16  a 20 h
  • Lugar: Auditorio de Galicia (Burgo das Nacións). Compostela. Sala Circular
  • Prezo: 20 €
  • Inscricións: enche o formulario embaixo
  • +info: matricula@folque.com e https://analisemusical.wordpress.com/

Sobre o curso

Alguén canta unha melodía…

Que é o que acabamos de escoitar? Unha creación singular, repetida sen alteración durante décadas ou mesmo séculos? Ou unha adaptación, moldeada na súa viaxe a través do tempo e o espazo ao momento actual por varias xeracións de cantadores? Unha recreación espontánea dun tipo melódico moi estendido?

Unha das características principais do que coñecemos como tradición oral —sexa esta musical, literaria ou doutro tipo— é a variación. As melodías espállanse en formas coincidentes en xeral e diferentes en certos aspectos, ás veces secundarios, mais outras veces esenciais. Na vida dunha melodía poden darse modificacións importantes que fan que ao final dunha serie delas o orixinal resulte case irrecoñecible. Ao realizarmos comparacións con repertorio histórico ou doutras culturas debemos ter en conta as dinámicas de cambio que afectan as melodías, sobre as que operan forzas centrífugas, mais en ocasións tamén centrípetas.

Neste curso de introdución trataranse cuestións fundamentais arredor do fenómeno da variación, como os cambios de ámbito, de escala, as melodías truncadas, a adaptación a versos de distinto número de sílabas ou os conceptos máis xerais de tipo melódico e familia melódica;

escoitaremos gravacións orixinais, cantaremos e comentaremos exemplos de variantes procedentes de Galicia (Cancioneiro popular galego, APOI), León (Cancionero leonés) ou Hungría (Corpus Musicae Popularis Hungaricae); e discutiremos escritos de D. Schubarth, L. Dobszay, I. Olsvai ou W. Wiora, entre outros.

O curso está dirixido a persoas interesadas en coñecer de xeito máis completo a música de tradición oral; tamén a intérpretes de música tradicional que pensen en variar repertorio coñecido, transformando melodías dadas seguindo procesos practicados na tradición; iremos máis aló da habitual análise de melodías aparentemente acabadas e autosuficientes, estendendo o concepto de «melodía» e tratando os procesos formais de cambio.

Sobre o mestre

Sergio de la Ossa é musicólogo, mestre especialista en pedagoxía musical Kodály e guitarrista. Entre 2007 e 2018 estivo a cargo do arquivo de música tradicional do Museo do Pobo Galego (http://apoi.museodopobo.gal,) e foi mestre de música tradicional no Instituto Kodály da Academia Liszt (Kecskemét, 2011-2015; 2020).

Mestre de Teoría e Análise en aCentral Folque, imparte regularmente cursos e conferencias sobre música tradicional e didáctica da música. Participou como ponente no WOMEX 2014 e na conferencia celebrada en homenaxe a Zoltán Kodály no Instituto de Musicoloxía da Academia de Ciencias Húngara en 2017 (Budapest).

Como autor, asina A Basic Guide to Folksong Analysis (Budapest: Liszt Academy of Music, 2019) e colabora en publicacións como Romanceiro tradicional. Breve antologia das recolhas do Seminario Menéndez Pidal na Galiza (1977-1983) (aCentral Folque, 2019; con J.L. Forneiro) ou Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968 (aCF, 2017; con Xavier Groba), entre outros títulos.

Mantén o blogue sobre música tradicional www.analisemusical.wordpress.com.

Formulario de inscrición:

Recibirás un correo persoal (non automático, non inmediato) coa confirmación; debes mirar na pasta do “spam” se non chegase ao cartafol principal do teu correo electrónico.

Os dados enviados serán tratados confidencialmente segundo as normas da Lei Orgánica 3/2018 do 5 de decembro sobre a Protección de Dados Persoais e garantía dos dereitos dixitais.


Apoios: Concello de Santiago e a Deputación Provincial da Coruña

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

One Comment

  1. Pingback: Curso: «As variantes na música tradicional» | Análise musical

Deixa un comentario