Monográficos de percusión doméstica

PercusiondomesticaO vindeiro sábado 7 de marzo, aCentral Folque organiza un novo monográfico. Desta volta adicado aos instrumentos de percusión doméstica, fundamentalmente da cociña. Imparte Carlos Martínez, especialista en percusións do mundo e integrante do grupo Pan de Capazo. Serán dous obradoiros sobre este tema, un orientado para crianzas (mañá) e outro para adultos (tarde).

Detalles:

  • Data: sábado 7 marzo
  • Horarios: mañá de 11h a 13.30h  /  tarde de 17h a 20.30h
  • Lugar: CSC Fontiñas (R/Berlín 13). Santiago de Compostela
  • Prezo: mañá 5 €   /   tarde 10 €
  • Inscrición: matricula@folque.com  /  +34 698 144 852
  • Idades: curso mañá de 5 a 14 anos  /  curso tarde a partir de 15 anos
  • Prazas limitadas

Obradoiro de percusión doméstica para toda a familia

Esta é unha actividade pensada para xuntar en torno as músicas tradicionais persoas de todas as idades. Desta volta facemos dous obradoiros, un para crianzas e outros para adultos.  Dunha forma entretida e dinámica coñeceremos diferentes maneiras de tocar instrumentos domésticos.  Veremos como interactuan coa música tradicional as culleres, cunchas, tixola, caldeiros, garfos, taboas de lavar, morteiro, almirez e latas variadas. O obradoiro é un percorrido pola música tradicional galega, ibérica, afro-latina e de Europa do leste.

Obxectivos
– Ampliar as posibilidades sonoras destes instrumentos, tanto na música tradicional como noutros estilos.
– Abrir portas fora dos contextos tradicionais cara outras expresións artísticas como teatro, circo, improvisacións ou performances.
– Posibilidade de tocar música sen a necesidade de instrumentos custosos.
– Introdución práctica nestes instrumentos de conceptos musicais básicos como patrón rítmico, amalgamas, síncopa, contratempo.
– Traballar e aumentar dunha forma divertida a capacidade de coordinación e concentración.
– Coñecer varias maneiras de tocar percusións sobre melodías de diferentes niveis.
– Revalorizar as músicas de raíz fronte á problemática invasión de músicas comerciais.
– Poñer en práctica diferentes patróns e variantes para acompañar unha mesma peza.

Dirixido a
– Persoas interesad@s en ampliar coñecementos sobre músicas folclóricas de diferentes culturas e países do mundo.
– Músic@s que desexen ampliar sonoridades e ritmos.
– Grupos musicais interesados en preparar temas de percusión, ou introducir interludios en temas existentes.

Contido
Instrumentos:
Achegamento ás culleres, tixola, sacho, botella de anís, táboa de lavar, garfos, morteiro, almirez e diferentes tipos de latas.
Coñeceremos dous tipos de técnicas:
– Tradicionais de diferentes zonas xeográficas.
– Modernas. Entendendo por “modernas” a aplicación nestes instrumentos de formas de tocar doutras percusións.
Estas técnicas nos instrumentos domésticos amplían as súas posibilidades sonoras e rítmicas.

Ritmos
Veremos ritmos tradicionais da península ibérica,
Europa do Leste e Sudamérica.
Diferentes ritmos ternarios, binarios, e irregulares
aplicados nos instrumentos domésticos.
Rumbas, patróns peninsulares con
amalgamas, mozambique, marchiñas, pasarruas, conga de comparsa, ruchenitsas, kopanitsas, polkas,…

Material
Para realizar o obradoiro é recomendable traer  instrumentos domésticos como culleres, tixola, dedais de costura, táboas de lavar, sachos, latas, almirez ou morteiro,…
Tamén se poden traer outros instrumentos de percusión para usar como base rítmica nalgunhas partes do obradoiro.

Metodoloxía
– Presentación dos instrumentos domésticos e as súas técnicas.
– Montaxe colectiva de diferentes ritmos.
– Práctica dos ritmos sobre temas representativos, liñas de baixo, e melodías gravadas. Si o local está preparado poden practicarse en directo con alboka ou gaita.
– Para algúns exemplos utilízase un pedal de “loops” para tocar e misturar algúns instrumentos.

 

 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario