No Campo de Fóra: Salterios medievais

Continúa o ciclo No Campo de Fóra na primavera de 2026 coa segunda cita da programación este xoves 30 abril ás 19.30 h no CSC do Ensanche con Begoña Olavide e Carlos Paniagua no concerto didáctico: O renacer dos salterios medievais para todos os públicos con entrada libre até completar capacidade.

Sobre a actividade

Percorrido histórico sobre un notable instrumento musical desaparecido, esquecido polo transcorrer do tempo e ausente en museos e coleccións. A importancia do salterio durante toda a Idade Media queda confirmada pola cantidade de representacións en esculturas, pinturas e miniaturas de códices en toda Europa que chegaron ata nós, especialmente polo Camiño de Santiago.

Begoña Olavide e Carlos Paniagua unen os seus coñecementos e a súa longa experiencia na recuperación deste instrumento medieval para realizar un amenizado e ilustrativo concerto didáctico, no que presentan reproducións de diferentes tipos de salterios construídos no seu obradoiro de lutería de Mojácar, explicando as súas características, amosando imaxes e o peculiar son de cada un deles. Rescatando cos salterios unha antiga tradición instrumental medieval que desaparecera.

Sobre os artistas

BEGOÑA OLAVIDE

É unha artista cun amplo percorrido musical, dende a música medieval ata a máis actual. Nos anos 80 (do século XX)  obtén o título superior de frauta no Conservatorio de Madrid e realiza cursos de especialización nos Países Baixos, Iugoslavia e España. Neste período tamén estuda percusión, baile flamenco e comeza a interesarse polo salterio, instrumento ao que dende entón se dedica e sobre o que desenvolveu unha técnica e escola propias en estreita colaboración co luthier Carlos Paniagua.

Realizou concertos por toda Europa, Estados Unidos, Canadá, Brasil, Arxentina, Colombia, México, Marrocos, Alxeria, Tunisia, Exipto, Siria, Líbano, Xordania, Kuwait, Israel, Rusia e Xapón…

Do 2005 ao 2012 traslada a súa residencia a Marrocos para afondar na música e no canto andalusí. Directora artística do festival de Músicas do Mundo “Tarab Tánger”, creado xunto a Omar Metioui e Confluences Musicales.

Traballou no cine con Carlos Saura e José María Forqué. No teatro con Adolfo Marsillach, Servando Carvallar e Juan Pedro de Aguilar. Así como en documentais de historia e arte, publicidade e televisión.

Fundadora do grupo Cálamus e do grupo Mudéjar, co que segue traballando.

Como solista invitada actuou coas orquestras: Nacional de España, Cidade de Granada, Sinfónica de Madrid, Capilla Real de Madrid e Rawâfid de Tánger. Con grupos como: Hespèrion XXI, Alla Francesca, Atrium Musicae, SEMA, Capella de Ministrers, Camerata Iberia, Pro Música Antigua, Arabesque, Micrologus, Accademia del Piacere, Euskal Barrokensemble e solistas como: Jordi Savall, Montserrat Figueras, Patrizia Bovi, Samira Kadiri, Pierre Hamon, Luis Delgado, Luis Paniagua, Pablo Guerrero, Ramiro Amusategui, Javier Bergia, Emilio Cao, Pedro Estevan, Fahmi Alqhai, Omar Metioui, Pablo Sanmamed, Enrike Solinís.

Ten no seu haber dez discos propios, e participou en numerosas gravacións de diversos ámbitos musicais.

Co músico e produtor Javier Bergia presenta actualmente os seus traballos discográficos: “De un tiempo a esta parte”, “Burlesco” e “A propósito de Miguel Hernández”, onde ambos puxeron música a textos de poetas españois dende a Idade Media ata a actualidade. En solitario “Improvisaciones en un espacio sin tiempo”.

CARLOS PANIAGUA

Nace en Madrid en 1951. Estuda arquitectura compaxinándoa coa música e a lutería, que se converte nunha paixón.

Entre 1964 e 1979 forma parte de “Atrium Musicae”, grupo pioneiro da música antiga en España; é alí onde comeza a interesarse pola construción de instrumentos medievais.

En 1979 funda xunto con Begoña Olavide “Cálamus” e en 1994 “Mudéjar”; en ambas agrupacións continúa afondando na música medieval e renacentista española, tanto da tradición europea como andalusí, e nos instrumentos para a súa interpretación. Cos tres grupos realizou numerosas gravacións discográficas.

Durante todos estes anos e para a creación dos seus instrumentos, investiga sobre os tratados antigos, as representacións en esculturas, pinturas e miniaturas da época, os restos arqueolóxicos, os obxectos conservados en museos e os instrumentos étnicos que chegaron aos nosos días, empregando materiais e métodos de construción tradicionais.

Forma parte do grupo internacional de luthieres que en Santiago de Compostela en 1990-92 reproduciron os instrumentos esculpidos no “Pórtico da Gloria” do século XII, traballo que produciu resultados moi reveladores no ámbito europeo, especialmente do Camiño de Santiago.

Participa no “Rencontré des Luthiers Marocains” que no ano 2000 organizou a “Foundation Ornar Benjelloun” no Musée de Marrakech.

Reproduciu algúns instrumentos para distintas institucións como:
– “Museo Casa Natal de Cervantes” en Alcalá de Henares.
– “Música y Poesía al Sur de Al-Ándalus” de “El Legado Andalusí”
– “Catedral de Valencia”.

Non obstante, a maior parte dos seus instrumentos son encargos de músicos profesionais e grupos de música antiga.

Imparte cursos de lutería antiga, participa en congresos, escribe artigos e dá conferencias sobre os instrumentos de corda antigos e a súa evolución. Froito da súa investigación é a publicación en 2018 do libro “El Laúd Árabe Medieval, historia y construcción” en Ediciones Polifemo.

Organizou unha exposición de instrumentos co título “La Tradición Musical Hispano – Árabe” que foi presentada nas principais cidades de Marrocos.

Entre 2005 e 2012 colaborou na creación do “Centro Internacional de Músicas Tradicionales de Tánger”. Na actualidade vive e traballa en Mojácar.

Bookmark the permalink.

Deixa un comentario