No Campo de Fóra 2025

“No Campo de Fóra” é un ciclo de concertos e outras actividades ao redor da música tradicional reelaborada a celebrarse nesta primavera de 2025 no Concello de Santiago de Compostela e dentro da súa Rede de Centros Socioculturais. Son 10 propostas da Escola de Música de aCentral Folque cunha variada estética e de formatos estilísticos diferentes e complementarios.
“No Campo de Fóra” é o nome dun ciclo que xa existiu nos anos 2010 e 2011 cando aCentral Folque saía das aulas para ocupar os palcos dos CSCs e achegar a nova música tradicional aos barrios. Retoma ese espírito e ofrece un novo programa variado e accesíbel.

Son oito concertos e dous paseos sobre o patrimonio musical da cidade. O ciclo abre o 10 de maio coa proposta de música antiga do cuarteto Pres de Cambrai ‘Ca vem meu amigo. O ciclo do Vindel e a lírica medieval dos ss. XII e XIII’, no CSC Maruxa e Coralia da cidade histórica. María Faltri e Berto Rodríguez farán un concerto participativo sobre as cancións tradicionais galegas co programa ‘Coa pandeireta na man’ no CSC do Romaño. Carlos Freire convídanos a formar parte dun combo de percusión galega nun obradoiro para todos os públicos a partir de tambores, bombos, pandeiretas, cunchas, tarrañolas, culleres, ferriños, etc. no CSC de Nemenzo. Para o público familiar no CSC de Fontiñas a compañía de Títeres Seisdedos representará a peza O galo Quirico, un clásico dos monicreques de farrapo e outras técnicas tradicionais e música ao vivo. Xosé Lois Rivas ‘Mini’, un histórico da canción galega traerá un novo programa ao CSC da Trisca arredor da música tradicional. A intérprete, mestra e investigadora Isabel Rei fará un concerto solista sobre a ‘Guitarra Galega’ no CSC de Xulián do Carballal. Para todos os públicos no CSC do Eixo-Bornais será o espectáculo de narración oral ‘Bailen as vellas. O conto das cereixas’, o novo espectáculo de Atenea García e Vero Rilo feito para o día das Letras Galegas 2025. O ciclo de concertos será clausurado no CSC de Santa Marta o sábado 6 de xuño polo músico portugués César Prata co espectáculo ‘O povo do Zeca’, sobre o repertorio de José Afonso en base ás músicas populares portuguesas (e algunha galega!).

O ciclo inclúe tamén os ‘Paseos musicais’, roteiros especializados sobre o patrimonio musical da cidade para entender os contextos e lugares. Esta serie pretende cubrir diferentes épocas históricas e comeza este ano coas propostas de Paulina María, guía turística e especialista en músicas medievais, e Alfonso Espiño, investigador e músico sobre a música pop feita desde Compostela. Serán conferencias en movemento para público reducido e curioso.

Programa:

Concertos

Sábado 10. 12 h. CSC Maruxa e Coralia
Pres de Cambrai: O ciclo do Vindel

Luns 12 maio. 19 h. CSC O Romaño.
María Faltri: Coa pandeireta na man

Venres 16 maio. 19 h. CSC Nemenzo
Carlos Freire: Percusión galega (obradoiro)

Luns 19 maio. 18.30 h. CSC Fontiñas
Títeres Seisdedos: O galo Quirico

Mércores 21 maio. 19 h. CSC A Trisca
Xosé Luis Rivas “Mini”: Arredor da música tradicional

Venres 23 maio. 17 h. CSC San Xulián de Carballal
Isabel Rei: Guitarra galega

Xoves 5 xuño. 18.30 h. CSC Eixo-Bornais.
Atenea García e Vero Rilo: Bailen as vellas. O conto das cereixas

Venres 6 xuño. 19 h. CSC Santa Marta
César Prata: O povo do Zeca

Paseos Musiciais

*precisan inscrición previa aquí

Estas actividades están feitas en colaboración coa Concellaría de Capital Cultural e a Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago de Compostela. Conta co apoio da Deputación Provincial da Coruña.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario