Nova data para o ciclo No Campo de Fóra para o martes 9 xuño ás 19 h. no CSC de Marantes (Lugar de Cortos, 10A) co concerto: Entre poema e canción de Ugia Pedreira para todos os públicos.
Atención! este concerto estaba programado para o día 2 de xuño, ten unha nova data na definitiva do 9 de xuño
A cantautora mariñana ofrecerá un concerto en solitario sen a súa banda baixo o título “Entre poema e canción”. Pedreira foi este ano pasado nominada nos premios da Academia de la Música de España, primeiro premio de Canción de Autor nos Martín Codax de Galicia, e tamén no traballo de posta en escena da industria galega AGEM, entre outros.
Anda sempre indagando na arquitectura musical, na prosodia, na musicalización das palabras. Un eterno amor na lírica que sucumbe a un concerto íntimo onde nos achegamos ás formas de compoñer da autora. Cantará cancións propias e outras que musicou, poemas de autores variados: Eva Veiga, García Lorca, Rosalía de Castro, Estevo Creus, Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Inmaculada Mengíbar… Ademais é das artistas que recibe agasaios tais como poesía e estes talvez acaban sendo cantares como é o caso de envíos da escritora Marina Oural de Lourenzá, o escultor Caxigueiro ou Lola, a Coxa da Caridad.
“As veces o poema e a canción dormen xuntos e outras en camas separadas” decía no seu disco Segmento Cantábrico.
Leva compoñendo e editando desde o 1995 e abriu con Óscar Górriz o Laboratorio de Cántigas Novas do Festival de Ortigueira, espacio de nova creación sobre oralidade galega, impulso activista da sua crenza na arte como saúde individual e grupal.








