A publicación da colección Seiva Abellón. O libro negro das zoadeiras será o tema dunha acción artística dentro do programa <<Cuando el destino nos alcance. Acciones desesperadas ante la sexta extinción>> organizada desde o español Museo Reina Sofía en Madrid e comisariada por José Luís Espejo no marco de ZIT 6. Planeta A: mundo verde. O formato será unha conferencia performativa a cargo de Xoán-Xil López, Ariel Ninas e Paula Ballesteros con vídeo, relatos, electrónica, paisaxes sonoras, zanfona, zoadeiras e memoria. En galego con subtítulos en castelán.
Neste programa do Museo dedicado á sexta extinción masiva en que se atopa inmerso o planeta, xúntanse o coñecemento popular e as investigacións científicas, centrándose en organismos mariños e insectos. Trátase de especies que, por estar fóra da escala de percepción humana, non gozan de tanta visibilidade no imaxinario popular como outros animais en perigo de extinción.
No caso da actividade de Xoán-Xil López, Ariel Ninas e Paula Ballesteros trátase dun proxecto arredor das abellas, a ecoloxía, a arte sonora, as accións comunitarias, a memoria colectiva a partir da danza do avellón (sic), texto escrito por Alfredo Brañas a finais do século XIX (1884) sobre o rito na Galiza de acompañamento da alma da persoa defunto no transo ao Alén.
Entrada de balde até completar aforo, previa retirada de billete en taquillas ou web do Museo.
Para saber máis do proxecto do Abellón, podes ver este vídeo:
Pingback: Novo audiovisual Abellón – Folque