A aula de canto da Escola Livre componse este curso de dous mestres de alto nivel: Paulina Ceremuzynska e Quique Peón, dúas personalidades complementarias para unha especialidade onde pasaron xa outras grandes voces do país coma Guadi Galego, Ugia Pedreira ou Davide Salvado.
A aula de canto consiste en oito meses de ensino regular sobre técnica, repertorio e xiros do canto tradicional galego. Seis meses a aula está dirixida por Paulina e dous por Quique (marzo e abril). A matrícula pode ser conxunta ou por separado.
Bio breve Paulina Ceremuzynska
Estudou Musicoloxía na Universidade de Varsovia e Interpretación de Música Medieval na Universidade de Paris-Sorbonne. A técnica vocal perfeccionaa coa profesora Mercedes Hernández. Ten participando en numerosos cursos e masterclass cos profesores Richard Levitt e David Mason en Academia de Musica Antigua de Salamanca. Entre outros, dirixe e interpreta proxectos musicais sobre as cantigas profanas galego-portuguesas dos séculos XIII e XIV, editados nos discos “Cantigas de amor e de amigo” (coa 2ª gravación mundial das cantigas de amor de Don Denis ) e “E moiro-me d’amor”. Cantou como solista co grupo “Malandança” dirixido por Francisco Luengo, co grupo polaco “Alienor”, e no proxecto “Estudio de Resonet”, dirixido por Fernando Reyes. É solista e directora do Grupo de Música Antiga “Meendinho”.
Bio breve Quique Peón
A prolífica traxectoria de Henrique Peón fan del unhas das figuras máis relevantes na danza e canto tradicional galegos. A súa actividade profesional céntrase na investigación etnográfica cun extenso traballo de campo con centos de melodías e danzas que recuperou. Profesor de baile e música tradicional galega, en destacadas agrupacións do país como o Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina. Na actualidade, Quique Peón compaxina a súa faceta de investigador, intérprete e docente no ámbito tradicional coas súas inquietudes interpretativas e as novas experiencias na danza contemporánea e no folque. No 2014 presentou a versión discográfica en clave contemporánea de Radio Cos, un proxecto que leva actuando dez anos con Xurxo Fernández que presentou en formación de quinteto no 2014.