Máis un persoeiro ilustre que nos deixa neste final de 2023 polo que temos unha grande admiración e sentimos un inmenso pesar ante o seu falecemento. Gustav Henningsen achegouse a Galiza desde o seu traballo antropolóxico cando viviu aquí entre 1964 e 1968, que nos últimos anos dou como froito varias exposicións comisionadas desde o Museo do Pobo Galego e con quen aCentral Folque traballou para publicar dous libros do seu expolio de fotos e gravacións sonoras. En varias ocasións aCentral Folque contou con el e coa súa compañeira de vida, Marisa Rey, tamén antropóloga e de raíces galegas para acompñarnos na revelación e presentación do seu valiosísimo material.
O antropólogo danés Gustav Henningsen estivo connosco por última vez nas presentacións do libro GUSTAV HENNINGSEN. GRAVACIÓNS MUSICAIS EN GALIZA 1964-1968 en febreiro de 2018 en Ordes e Santiago. E editamos no 2019 un segundo libro con fotografías súas no O danés curioso en Ordes.
Gustav Henningsen (Slagesle, 1934 – Lyngby, 2023. Dinamarca) foi un destacado folclorista, antropólogo histórico e investigador que estivo ligado durante a súa vida profesional ao prestixioso Arquivo Danés do Folclore [Dansk Folkemindesamling] da Biblioteca Real de Dinamarca. Entre 1964 e 1968 realizou traballo de campo en Galiza, principalmente na comarca de Ordes, para estudar os rituais e as crenzas máxicas arredor da bruxería. Mentres que os seus traballos sobre esta materia tiveron alcance internacional, os outros materiais compilados (entre eles os musicais) ficaron “esquecidos” até hoxe. O fondo Henningsen integra unha impresionante colección fotográfica, da cal se realizou en 2015 unha primeira exposición no Museo do Pobo Galego, e un valiosísimo arquivo fonográfico que permanece até o dia de hoxe completamente inédito.