Pres de Cambrai no Campo de Fóra

Primeiro concerto do ciclo de actividades No Campo de Fóra que aCentral Folque leva aos centros socioculturais de Santiago co grupo de música antiga Pres de Cambrai, un proxecto con base en Santiago con vocación divulgativa sobre as músicas galegas da Baixa Idade Media. Para este concerto presentarán o programa “Ca vem meu amigo: o ciclo do Vindel e as músicas dos séculos XII e XIII”. Tocarán no CSC Maruxa e Coralia da cidade histórica ás 12 horas este vindeiro sábado 10 de maio con entrada libre até completar capacidade.

Sobre o programa

No cerne deste programa está unha obra absolutamente singular da lírica galega, o ciclo das sete cantigas de amigo de Martim Codax. A singularidade destes poemas reside, sobre todo, en dous feitos. O primeiro deles nace de seu, no mesmo proceso creativo, e ten que ver coa súa extraordinaria calidade literaria. O segundo foi sobrevido, causado polo paso do tempo, amais doutras infelices circunstancias, que fixeron que durante moito tempo fosen as únicas cantigas profanas en galego medieval, dun corpus de máis de mil catrocentas, que conservaban coa súa música orixinal. Só ao atoparse, no ano 1990, sete cantigas de amor con notación musical do rei Don Dinis, en estado moi fragmentario, reduciuse levemente esta severa carencia da nosa lírica. O feliz e xa célebre descubrimento de Pedro Vindel, no ano 1914, nas gardas dun libro de Ciceron,do pergamiño que leva agora o seu nome, permítenos gozar destas preciosas miniaturas. A interpretación do grupo Pres de Cambrai, como se explicará, contempla os sete poemas como un ciclo que constrúe un metarelato e que deben de ser interpretados de seguido, segundo a hipótese do profesor Giuseppe Tavani.

Previamente á interpretación das pezas de Martim Codax, poderemos escoitar unha escolma de pezas da lírica europea medieval dos séculos XII e XIII coma o Lamento di Tristano, un dos escasísimos exemplos que nos quedan de música de danza medieval, como preludio a unha coñecida peza do rei Ricardo I, “Corazón de León”, na que se laia do esquecemento no que se atopa por parte dos seus cabaleiros, cando cae prisioneiro do emperador Enrique VI de Alemania ao voltar da cruzada. A relación de Ricardo coa lírica profana medieval e a música, ten orixe, sen dúbida, na influencia da súa nai, Leonor de Aquitania.

O programa continua con dúas cantigas de Santa María, unha a modo de preludio instrumental e a outra xa cantada. Trátase dunha cantiga de Loor, como o son todas as cantigas de cada dez, fronte ao resto que son de carácter narrativo.

Por último remata con dúas pezas monódicas do eminente poeta e extraordinario músico francés Guillaume de Machaut. Machaut é considerado ás veces un dos últimos trovadores e, ao tempo, un dos iniciadores, e tamén máximo exponente, do novo estilo musical do Ars Nova.

Sobre o grupo: PRES DE CAMBRAI

  • Belen Bermejo: voz e percusións
  • Andrés Díaz: dirección, harpa, cítola e frautas
  • Ariel Ninas: zanfona e percusións
  • David Bellas: gaita-de-fole e frautas

Este conxunto, de amplo espectro sonoro, nace da man de Belén Bermejo no ano 2014, coa intención de abordar diferentes proxectos que conxugan diversas disciplinas artísticas, como música, literatura, narración ou danza, acadando diferentes períodos históricos, sen pretensións historicistas, cunha clara intención didáctica e vocación de contemporaneidade. Ao tempo, o grupo busca o máximo rigor na concepción dos diversos proxectos, para ofrecer recitais íntimos e repousados nos que proporcionar ao público un goce, máis alá da pura contemplación estética.

O grupo toma o seu nome da cantiga do trobador Joán Airas de Santiago, A por que perço o dormir “…vestida d’ un pres de Cambrai, Deus, que ben lh’ está manto e saia!”, chiscadela á tradición literaria e musical do medievo, na que conflúen e atopan inspiración os integrantes desta singular formación. Nos seus diferentes proxectos, Pres de Cambrai, preséntase acompañado por músicos e artistas procedentes do ámbito da música antiga, clásica, tradicional, do jazz ou do mundo da oralidade. Os seus integrantes desenvolven individualmente un intenso labor concertístico en colaboración con diversos grupos como, o Grupo 1500, Martin Codax, Vivid Consort, Favola d’Argo, Rosarum Flores Austria, Ultreia, Pablo Seoane Trio, Ulo-Bit, Solo Voces ou os Menestreis de 1500, entre outros.

O grupo fixo a súa presentación en agosto de 2014 en Vigo, con dous concertos no Verbum e no Museo Quiñones de León, nos que estreou o proxecto músico-literario, O segredo do pergamiño Vindel: 100 anos de música para as cantigas de Martin Codax, arredor do centenario do achado do Pergamiño Vindel, proxecto ao que seguiron outros como Aprende a escoitar un libro, para unha lectura musical das obras da literatura, ou  Fóra do tempo, músicas doutrora para ouvidos contemporáneos, en colaboración co pianista de jazz e compositor, Pablo Seoane.

Acerca de Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Garda a Ligazón permanente.

Deixa un comentario