Presentación: Alan Lomax no MPG

A Fundación Lola Pérez Rivera, xunto co Museo do Pobo Galego e aCentral Folque, presentan o vindeiro 23 de abril ás 19 horas en Santiago de Compostela un estudo que inclúe as transcricións completas das gravacións de cantos populares galegos que o etnomusicólogo norteamericano Alan Lomax e a súa asistente Jeanette Bell recompilaron en Galicia a mediados do século pasado.

O traballo está recollido no libro A Galicia que percorreu Alan Lomax, editado pola Fundación Lola Pérez Rivera e realizado por un equipo de investigadores do Conservatorio Superior de Música de Castela e León (COSCYL), que xa levou a cabo outro importante estudo sobre o traballo de campo desenvolvido polo afamado etnomusicólogo en España.

O libro recolle a análise e a transcrición en partituras dun total de 100 temas que Alan Lomax gravou nas provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense entre os meses de novembro e decembro de 1952.

A presentación do libro terá lugar ás 19.00 h na sede do Museo do Pobo Galego e contará coa participación do presidente da Fundación Lola Pérez Rivera, Alberto de la Calle; da presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; do director de aCentral Folque, Ramon Pinheiro Almuinha; e da coordinadora e coautora do estudo, Julia Andrés Oliveira, así como do resto dos membros do equipo de investigación: María Galán Muñoz, Carmen Teresa García Arroyo, Carolina Monreal Román, Mauro Portela Pousa e Laura Silva Huerta.

Bookmark the permalink.

Deixa un comentario