Pablo Castaño Quartet presenta o primeiro disco en solitario deste saxofonista galego acompañado dun trio de luxo e coa colaboración especial de Ugia Pedreira.
“A-la-láa”, un novo proxecto jazzístico que toma como punto de partida os cantos libres da música tradicional galega como os alalás e as coplas. Será o sábado 2 de xuño ás 20.00h no Teatro Colón.
O álbum, editado por aCentral Folque, foi gravado por Pablo Barreiro ao vivo durante dúas sesións de improvisación musical en xaneiro de 2018 e masterizado en Nova Iorque polo reputado produtor Kastuhko Naito.
Castaño está acompañado na gravación de dous dos nomes máis relevantes da escena galega, como son o pianista Yago Vázquez, residente en Nova Iorque, e o batería Iago Fernández. A eles súmase o bo facer do contrabaixista arxentino Demian Cabaud e da cantante Ugia Pedreira, que está presente en dous dos temas do disco.
Vázquez e Cabaud non poderán asistir á presentación do proxecto, mais no seu lugar estará o pianista galego Xan Campos e como convidado especial o contrabaixista xaponés Masatoshi Kamaguchi.
Pablo Castaño é un dos grandes nomes do jazz en Galicia, cunha traxectoria de máis de 20 discos, aínda que este é o primeiro que lanza co seu nome, así como a súa primeira aproximación á música tradicional galega. O álbum parte de fontes históricas como o Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro, e tamén de recollidas contemporáneas coma o Cancioneiro Popular Galego da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubart.
O cuarteto de Pablo Castaño é de tradición jazzística composto por saxofón, piano, contrabaixo e batería. Influenciado sen dúbida polos cuartetos e pequenos ensembles esenciais da historia do jazz liderados por instrumentos de ventos; dende Lester Young, Charlie Parker, John Coltrane e un longo etc.
Podes comprar as entradas anticipadas aquí.
Esta presentación será seguida dun novo concerto no Pazo da Peregrina (Ames) o 9 de xuño.