Un novo libro-cd da colección Chave Mestra ve a luz este decembro de 2024. José Ramón González Pérez. Alborada en Vilaquinte é o título número 22 desta colección que selecciona as gravacións máis singulares dos intérpretes máis sobresaíntes da tradición musical galega de transmisión oral. Escrito polo antropólogo arxentino Norberto Pablo Cirio coa axuda nas transcricións de Iván Abal compila a obra deste singular músico, dunha estirpe familiar de Vilaquinte (Cervantes) que emigrou a Bos Aires onde gravou e enviou cartas sonoras, entre outros a Manuel López, o gaiteiro de Poso.
O libro será presentado este sábado 14 de decembro no edificio de usos múltiples do Concello de Cervantes ás 17 horas coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Cervantes. Contaremos coa participación de Sergio Cobos e Iván Abal, que falarán e tocarán unhas pezas do repertorio dos Ancares.
O domingo 15 de decembro presentarase no Liceo de Ourense dentro do V Achegasons organizado pola Asociación Ourensá de Folclore ás 11.30h.
Sobre o libro
¿Pode un home transformarse en música? Este libro narra a novelesca vida de José Ramón González Pérez (1913-2007).
Nacido en Cuba, pastor nos Ancares galegos e un destacado membro dunha estirpe de músicos documentada desde comezos do s. XIX, a dos Gaiteiros do Bodego . “Fuxido” pola súa lealdade á República durante a Guerra Civil, “recrutado forzoso” ás ordes de fascistas e nazis, emigrante na Arxentina en 1949 coa súa compañeira, Dorinda, e coa súa primoxénita, Amelia.
Durante os 58 anos e medio nos que viviu alí, fixo da arte da gaita un modo de existencia que lle permitiu sortear certas desgrazas e seguir conectado con todo o que amaba, até o punto —en palabras do seu biógrafo, o musicólogo arxentino Norberto Pablo Cirio— de transmutar a súa corporeidade ao instrumento. Inclúese un CD cunha selección de gravacións de extraordinario valor musical e histórico, que inclúe as interpretacións que José Ramón enviou por medio de cartas sonoras a familiares e amigos a través do océano durante medio século.
Sobre o autor:
Norberto Pablo Cirio (Buenos Aires, 1966). Licenciado en Ciencias Antropolóxicas (UBA, 2002) e doutorando na mesma carreira e universidade. Traballa no “Instituto Nacional de Musicología Carlos Vega” e no “Instituto de Investigación en Etnomusicología” en proxectos sobre música afroarxentina. Desde 2011 é director da cátedra libre de “Estudios Afroargentinos y Afroamericanos” da Universidade Nacional de La Plata e desde 2020 profesor na Universidade Nacional de Tres de Febrero.
Ademais traballa no programa da UNESCO, La Voz de los Sin Voz e é profesor visitante da Universidade de Santiago de Compostela. O seu interese desde os anos 90 nas músicas da colectividade galega emigrada na Arxentina levárono a realizar numerosas publicacións científicas e divulgativas sobre o tema, entre elas: El romancero de la Galicia exterior; Manuel Dopazo, crónicas porteñas; Los Monfortinos, Entrada ao Baile; La grabación de música gallega y asociada a ella en Buenos Aires (1907- 2015); La música tradicional gallega en la Argentina entre 1860 y 1960; Maruxa Boga, Recordando a Galicia etc.
Mercar nas loxas online:
- Mercar en Inquedanzas Sonoras
- Mercar en Voando libre