Presentacións de O Feitizo de Maruja Roca

Para este final de 2020 presentamos na provincia de Lugo o último libro da colección Cámara Escura.

Como foi parar unha cámara ás mans de Maruja Roca no Becerreá de comezos dos 40? Non se sabe. Nin tampouco como esas mans aprenderon a moverse na escuridade dun cuarto da casa. Sabemos, sen embargo, dos seus ollos. Dos rostros e rastros que gardou quen foi, non só a única fotógrafa da vila e das poucas mulleres que exerceron o oficio na Galicia da posguerra, senón alguén que hoxe se nos revela como artista para a historia da fotografía. Ollos que aínda ondulan nas imaxes, tentándonos a tocar a superficie dun feitizo.

Os vindeiros sábado 12 e luns 21 de decembro vaise presentar en Becerreá e Lugo respectivamente o novo libro da coleción Cámara Escura sobre esta descoñecida autora mais grande artista de Becerreá. O feitizo de Maruja Roca é unha publicación con fotos dun tempo que xa non existe cun ollar moi persoal, artístico e interesante.

En Becerreá o acto será a partir das 19.00 na Casa da Cultura e contará coa intervención de Manuel Martínez, alcalde da vila, Nieves Neira Roca, autora dos textos, Eutropio Rodríguez, editor fotográfico e Ramon Pinheiro, editor d’aCentral Folque.

En Lugo o luns 21 de decembro o acto será a partir das 20.30 na Casa do Sabere contará coa intervención da autora do texto Nieves Neira, do editor fotográfico Eutropio Rodríguez, e as intervencións musicais de Pablo Sanmamed e Iago Mourinho.

A publicación son 200 páxinas con retratos e escenas dunha Galicia dos anos 40 en branco e negro. O texto está en versión trilíngüe e é o terceiro volume da coleción Cámara Escura.

Detalles do libro: O feitizo de Maruja Roca / El hechizo de Maruja Roca / The magic of Maruja Roca. Eutropio Rodríguez / Nieves Neira Roca. Libro-CD. Colección: Cámara Escura. Ref: CE 03. Páxinas: 208. Idiomas: galego, español, inglés. ISBN 978-84-122867-0-0. PVP: 20€


About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario