Presentacións do libro Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968

O antropólogo danés Gustav Henningsen estará esta fin de semana en Galicia para as presentacións do libro que aCentral Folque acaba de publicar na colección da chave Mestra sobre as gravacións que fixera nos anos 1964 e 1968 en toda Galiza.

Os vindeiros sábado 24 de febreiro (Ordes) e domingo 25  (Santiago) serán os actos  de presentación do libro-CD GUSTAV HENNINGSEN. GRAVACIÓNS MUSICAIS EN GALIZA 1964-1968 coa presenza dos autores, o editor e pequenas intervencións musicais de Carme da Pontragha, Alba María e Ariel Ninas sobre repertorio gravado por Henningsen.

Detalles:

Nas presentacións intervirán:

  • Gustav Henningsen, antropólogo;
  • Xavier Groba, autor;
  • Sergio de la Ossa, autor;
  • Ramom Pinheiro, editor
  • Música: Carme da Pontragha e Ariel Ninas (Ordes)
  • Música: Alba María e Ariel Ninas (Santiago)

Gustav Henningsen (Slagelse, Dinamarca, 1934) é un destacado folclorista, antropólogo histórico e investigador que estivo ligado durante a súa vida profesional ao prestixioso Arquivo Danés do Folclore [Dansk Folkemindesamling] da Biblioteca Real de Dinamarca. Entre 1964 e 1968 realizou traballo de campo en Galiza, principalmente na comarca de Ordes, para estudar os rituais e as crenzas máxicas arredor da bruxería. Mentres que os seus traballos sobre esta materia tiveron alcance internacional, os outros materiais compilados (entre eles os musicais) ficaron “esquecidos” até hoxe. O fondo Henningsen integra unha impresionante colección fotográfica, da cal se realizou en 2015 unha primeira exposición no Museo do Pobo Galego, e un valiosísimo arquivo fonográfico que permanece até o dia de hoxe completamente inédito.

Grazas ao acordo entre aCentral Folque e Gustav Henningsen, dous destacados etnomusicólogos [Xavier Groba e Sergio de la Ossa] fixeron unha selección dos mellores rexistros musicais procedentes das súas recollas de tradición oral. Estes materiais edítanse xunto a un ensaio de carácter divulgativo, a transcrición das melodías e unha escolma de fotografías inéditas da súa estadía en Galiza, e conforma unha obra de singular valor histórico, antropolóxico, etnográfico e musical para Galiza.

Mercar o libro

 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario