Rebollo instruments, 10 anos

Esta fin de semana o obradoiro de Jaime Rebollo en Beluso celebraba nunha festa o X aniversario do atelier de luthería Rebollo instruments co que leva facendo zanfonas de grande calidade e con melloras para unha comunidade crecente de intérpretes desde instrumento que está a experimentar unha renovación absoluta de técnicas, repertorios, imaxinería e organoloxía.

A festa contou con músicos, amigos e zanfoneiros que desfrutamos coa hospitalidade de Jaime e familia. O programa da tarde foi unha visita á súa factoría con modelos á vista xa “descatalogados” que conseguiu reunir canda os últimos instrumentos que están a se construir, as máquinas, as madeiras, os varnices, os apuntamentos, os encargos, o caixón de xastre,… Tamén se sorteu a última zanfona feita no obradoiro, o instrumento número 125, un modelo de estudo sinxelo dunha feitura excelente (mesma tipoloxía de 1 zanfona de 10!) que se sorteou entre os asistentes e se levou unha afortunada :). Ademáis Germán Díaz foi convidado a facer un concerto privado do seu Método Cardiofónico do que está estes días nunha campaña de micromezenazgo para editar o disco.

Por suposto, a festa tivo o seu xantar e unha magnífica foliada zanfoneira con músicos da E-trad/Sondeseu ou da Escola Livre MPG/aCentral Folque coma Anxo Pintos, Óscar Fernández, Ivan Costa, Ariel Ninas, Iván Abal, Gus Fernández, César Loureiro e moitos máis). Esta foliada e convivio musical  servía para pechar un ciclo de 10 anos que agardamos sexan moitos máis.

Jaime Rebollo é un novo luthier que está ao nivel dos mellores artesáns europeos seguindo unha liña de factura contemporánea e atendendo as esixencias dos músicos que demandan unha actualización constructiva acorde coas súas inquietudes e novas sonoridades. Inventor, maximizador e trazador dunha familia de zanfonas modernas de sonoridade sorprendente, cun rexistro nas frecuencias graves espectacular, potencia sonora, funcionamento e reglaxe excelentes e configuración flexível para unha cordaxe que en todos os modelos inclúe trompeta (bordón rítmico) e a posibilidade de ter cordas simpáticas e unha máis que aceptável amplificación do instrumento (piezoeléctricos e micrófonos). Jaime recibe encargos continuamente. Ten vendido zanfonas non só a Galicia senón tamén a Catalunya, Brasil, Alemaña, Portugal, ou unha plaza ben importante e difícil penetración comercial como é Francia, país de fonda tradición de luthería e mercado interno. Ten exposto nas mostras de artesanía musical máis importante do país e este 2014 é  o segundo ano que asiste á feira de luthería do festival de Saint Chartrier, o máis veterano e de recoñecemento internacional.

Podes contactalo por medio da súa web: http://rebolloinstruments.com/inicio.html

Ou directamente no atelier Rebollo instruments – Sar – Beluso – BUEU (PONTEVEDRA) Telf. (0034) 699352887 . E-Mail: info@rebolloinstruments.com

 

 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario