Regueifas no Camiño

Este sábado 18 de setembro, o investigador e regueifeiro Kike Estévez ofrece un concerto didáctico na Cidade da Cultura. Regueifas, brindos e loias nos Camiños de Músicas na Cidade da Cultura. Ás 17 horas no Museo do Centro Gaiás (andar -1) por só 3 € dispoñíbeis aquí.

Camiños de Músicas é un ciclo que organiza a Cidade da Cultura, un percorrido polas influencias sonoras do Camiño que promete embarcar o público familiar nunha peregrinación didáctica polo patrimonio musical. Os vieiros e rutas que conducen a Santiago trouxeron ao longo dos séculos, alén de milleiros de viaxantes, novas, costumes e ecos de moi diversos lugares. Percorréndoos cos oídos ben abertos podemos descubrir as conexións que imbrican a nosa musicalidade no relato sonoro de Europa e que nos unen a outros pobos e harmonías afastados no tempo e no espazo.

A regueifa, o brindo ou as loias son formas de improvisación oral que se dan en distintas zonas de Galicia, algunhas presentes tradicionalmente onde pasaba o Camiño (brindo ou loias en Lugo e Ourense; regueifas na Coruña). Estas cantigas improvisadas, que servían para disputarse o prezado pan no día do casamento, para “pedir o tabaco” ou para loar ou criticar os contraentes e as súas familias; botábanse co obxectivo de entreter a audiencia durante horas coa facilidade de palabra dos contendentes nun día tan especial. No repente galego, a imaxinación, a habelencia e a retranca son as armas poderosas de quen improvisa que agora poderemos ter máis pretiño da man.

Regueifas, brindos e loias busca ser, a un tempo, unha mostra e un obradoiro activo para toda a familia no que se escoitaremos formas de repentización e aprenderemos e practicaremos as claves para construír regueifas propias. Aínda que o repente galego tracicional é a cappella (tanto a regueifa coma o brindo ou a loia), neste obradoiro achegarémonos a outras variedades melódicas a través de diferentes instrumentos tradicionais galegos.

Kike Estévez

Kike Estévez (Vigo, 1977) é regueifeiro, filólogo e profesor de linguas no ensino secundario. No ámbito do canto improvisado oriental coñecido por “brindo”, recentemente vén de publicar xunto a Pablo Bernárdez un monográfico titulado: O Ribeira de Louzarela, brindador da dentro (aCentral Folque, 2019). Alén deste traballo, tamén publicou a Metodoloxía didáctica do repente galego” (2017), centrado nas estratexias docentes empregadas pola nova xeración da regueifa formada desde finais do século pasado. Actualmente realiza o seus estudos de Doutoramento na Universidade de Vigo arredor dos cantos de voda improvisados en Galicia durante o século XX.

 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario