10:30 h – 14:00 h | Roteiro: As memorias móbiles e eternas de Santa Cristina de Fecha
Manuel Gago. Intervencións sonoras de Mano Panforreteiro e Branca Villares | Santa Cristina de Fecha
O divulgador cultural e investigador Manuel Gago regresa ao Fechiño cun roteiro deseñado en exclusiva para esta edición.
A proposta percorrerá diferentes espazos patrimoniais de Santa Cristina de Fecha, desde enclaves prehistóricos pouco coñecidos como Pedra Castro, pasando polos vestixios da cristianización altomedieval do Grixario, ata rematar cunha visita aos tesouros artísticos do Santuario barroco de Belén.
O músico Mano Panforreteiro acompañará o percorrido con intervencións sonoras adaptadas a cada espazo.
A actividade contará con servizo gratuíto de transporte desde Compostela e diferentes puntos das parroquias de Fecha.
Manuel Gago é xornalista cultural e profesor na Universidade de Santiago de Compostela. Dirixe culturagalega.gal, o portal de divulgación do Consello da Cultura Galega e é escritor e comisario de exposicións de divulgación histórica. O seu último libro é Ata que os mares sequen. Unha Escocia en clave Galega (Morgante, 2026).








