Rupestre Sonoro

A nova produción de aCentral Folque é Rupestre Sonoro: creación contemporánea e memoria oral arredor das Pedras que Falan da provincia da Coruña, unha programación que se presentará no mes de setembro con roteiros e creacións artísticas nos concellos de Arteixo, Mañón, Teo e Trazo e un encontro inaugural en Santiago de Compostela.

As Pedras que Falan, singulares formacións pétreas con particularidades acústicas vinculadas ao patrimonio arqueolóxico, á tradición oral e ás prácticas culturais no territorio, protagonizan Rupestre Sonoro, un proxecto que se achega a estes enclaves desde a investigación, a participación local e a creación contemporánea.

O programa organizado por aCentral Folque levará catro roteiros sobre o patrimonio pétreo e propostas artísticas site-specific a catro localizacións da provincia da Coruña: Loureda (Arteixo), Serra da Faladora (Mañón), Luou (Teo) e Monzo (Trazo). As características de cada pedra e o seu contexto arqueolóxico, paisaxístico e cultural son o punto de partida para as intervencións artísticas, que buscan establecer unha relación única co espazo e coa súa memoria.

PROGRAMA

O programa comeza en Santiago cunha conversa sobre patrimonio e creación. Será o xoves 10 de setembro, ás 19:00 h, no CSC Maruxa e Coralia de Santiago de Compostela, co encontro inaugural Diálogos das Pedras que Falan. Nesta sesión, os membros do colectivo Rupestre Sonoro Alba Cid, Xoán-Xil López, Xavier Groba e Ramon Pinheiro abordarán este patrimonio dende perspectivas diversas, reflexionando sobre as súas potencialidades e problemáticas, tanto para as comunidades locais como para a creación artística actual.

O programa continuará con catro Roteiros Rupestres Sonoros, deseñados a partir de cada localización e conducidos por persoas e colectivos vinculados ao coñecemento e á divulgación do patrimonio.

1ª acción: Loureda (Arteixo), o sábado 12 de setembro ás 10:30 h, Xabier Maceiras guiará o percorrido ata a Pedra que Fala de Loureda, no que contaremos con intervencións sonoras de Xurxo Souto. O punto de encontro será o Centro Social Foxo-Loureda.

2ª acción: Serra da Faladora (Mañón), o domingo 13 de setembro. Magdalena Fernández Rubido guiará, a partir das 10:30 h, o roteiro arredor da Pena Faladora, que incluirá a intervención musical de David Bellas. A actividade contará, grazas ao apoio do Concello de Mañón, con servizo gratuíto de autobús, con reserva previa (tlf: 981414002 ou cultura.deportes@manon.es), con saída desde O Barqueiro (10:00 h, parada xunto ao Banco Santander). O punto de encontro será o Dolmen da Faladora.

3ª acción: Luou (Teo), o sábado 19 de setembro ás 19:00 h, o Colectivo A Rula conducirá o roteiro das Pedras sacras ata a Pedra Foca, con intervencións poético-aurais de Alba Cid e Xoán-Xil López. O punto de encontro será o lugar de Loureiro, en Luou.

4ª acción: Monzo (Trazo), o derradeiro roteiro do programa decorrerá o domingo 27 de setembro ás 17:00 h co Clube Espeleolóxico Maúxo arredor da Pedra Faladora, que culminará cunha intervención de narración oral a cargo de Quico Cadaval. O punto de encontro será o local social de Monzo.

*As actividades teñen unha duración aproximada de entre dúas horas e media e tres, e están pensadas como percorridos de descubrimento nos que o patrimonio material e inmaterial de cada lugar se converte en materia para a creación artística contemporánea.
*Os roteiros non precisan inscrición previa (agás o día de Mañón se queres reservar un lugar no autobús gratuíto)

Rupestre Sonoro desenvolverá esta programación presencial durante setembro e outubro. Terá continuidade nos meses seguintes con novos materiais derivados do proxecto, entre eles publicacións dixitais, videocreacións e unha publicación en papel que anunciaremos nos vindeiros meses.

Rupestre Sonoro procura contribuír á conservación, divulgación e posta en valor dun patrimonio que abrangue tanto os elementos arqueolóxicos como as lendas, a microtoponimia, os usos sociais e os coñecementos asociados á natureza.

Rupestre Sonoro é un proxecto de aCentral Folque que vén de ser distinguido na 2ª Edición do Premio a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social 2026 da Deputación da Coruña.

Acerca de Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Garda a Ligazón permanente.

Deixa un comentario