aCentral Folque abre o 2017 coa publicación do DVD “Sons do Mercado”, un filme documental dirixido por Marcos Nine con música orixinal de Alejandro Vargas comisionado por aCentral Folque dentro do programa Efecto Proximidade para o concello de Santiago, encarga desenvolvida arredor dos mercado e feiras da cidade para pór en valor e dinamizar este espazo social e económico de encontro veciñal e venda. “Sons do mercado” é unha ollada deste realizador sobre o mercado de Salgueiriños que cada xoves monta neste barrio compostelán.
O DVD contén o documentario (29′) e a música orixinal de Alejandro Vargas así coma contidos extra como o Making of da banda sonora, entrevista a Rafael Camacho, patriarca da comunidade cigana, o trailer do filme e un video clip de Marcos Teira e os Flaencos do Milladoiro do concerto de nadal do 2015 en Salgueiriños.
Sons do Mercado é un ollar persoal ao mercado de Salgueiriños de Marcos Nine, novo director, guionista e procuctor galego con varias curtas documentais e longametraxes (Premio Mestre Mateo á mellor montaxe no 2014 por “A viaxe de Leslie”; á mellor obra experimental en 2007 por “Aaron” e á mellor curta documental no 2011 por “Manuscritos Pompeanos”). Ademais conta coa banda sonora orixinal de Alejandro Vargas.
Texto do director:
“O mercado é unha práctica tan ancestral como efémera. Os vendedores concéntranse nunha determinada zona da cidade e ás poucas horas desaparecen. E con eles un ecosistema sonoro que vai desde os golpes metálicos incesantes aos reclamos de venda.
“Sons do Mercado” é unha curtametraxe documental que ilustra o transcorrer dunha xornada no mercado de Salgueiriños en Santiago de Compostela. Detense na percepción sonora do espazo e na cadencia coa que as distintas actividades que teñen lugar can variando da tranquilidade á actividade intensa conforme pasan as horas”.
Marcos nine, 2016
Breve bio de Marcos Nine
Marcos Nine Búa, nado na Illa de Arousa en 1977, é un director de cine, produtor e guionista galego.
Colaborou coma guionista en series da Galega coma Terra de Miranda e Mareas vivas, e coma director iniciou a súa carreira coa curtametraxe Carcamáns (2003), sobre a traxedia do Prestige na Illa de Arousa. Seguiríalle o documental Pensando en Soledad (2006) sobre José Ernesto Díaz-Noriega, pioneiro da cinematografía en Galicia, que conta cunha versión abreviada, J.E.D.N. José Ernesto Díaz-Noriega (2006).
Co documental Historia dunha parroquia (2007), na que retrata a vida do Val de Xestoso (Monfero) a través da súa veciñanza, acadou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental. A Fábrica (2008) gañou o segundo premio do Festival de Curtametraxes Galegas de Sada e foi recoñecida como mellor curtametraxe documental no 5º Festival de Cine Internacional on&off de Ribadeo. Nese mesmo ano gañou o Mestre Mateo ao mellor guión pola serie As leis de Celavella.
Aarón (2009) gañou o Premio Mestre Mateo á mellor obra experimental, e o premio á mellor curtametraxe documental na IV edición de Curtas na Rede. Manuscritos Pompeanos (2010) recibiu o Mestre Mateo nesa mesma categoría o ano seguinte (2011). Nese mesmo ano, con Radiografía dun autor de tebeos, sobre o traballo do autor de banda deseñada galego David Rubín, gañou tamén o Mestre Mateo ao Mellor Documental.
Outras obras da súa autoría son as longas O Premio da Rubia (2008) e La Brecha (2011), así como a curta O Sol nos Chaos (2010)
Tamén foi guionista e montador da longa Piedad (2012) de Otto Roca, e codirector da curta Losada (2011).
Actualmente está a gravar o documental Na procura da besta, en que varios debuxantes de banda deseñada dan conta das súas experiencias no xénero, e A Viaxe de Leslie, sobre a morte do actor británico Leslie Howard durante a Segunda Guerra Mundial fronte a costa de Cedeira.
Pingback: Audiovisuais aCFolque no CGAI – Folque