“Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968”
Autores:
- Xavier Groba
- Sergio de la Ossa
Tapa dura
192 páxinas
CD 38 trillas
Gustav Henningsen (Slagelse, Dinamarca, 1934) é un destacado folclorista, antropólogo histórico e investigador que estivo ligado durante a súa vida profesional ao prestixioso Arquivo Danés do Folclore [Dansk Folkemindesamling] da Biblioteca Real de Dinamarca. Entre 1964 e 1968 realizou traballo de campo en Galiza, principalmente na comarca de Ordes, para estudar os rituais e as crenzas máxicas arredor da bruxería. Mentres que os seus traballos sobre esta materia tiveron alcance internacional, os outros materiais compilados (entre eles os musicais) ficaron “esquecidos” até hoxe. O fondo Henningsen integra unha impresionante colección fotográfica, da cal se realizou en 2015 unha primeira exposición no Museo do Pobo Galego, e un valiosísimo arquivo fonográfico que permanece até o dia de hoxe completamente inédito.
Grazas ao acordo entre aCentral Folque e Gustav Henningsen, dous destacados etnomusicólogos [Xavier Groba e Sergio de la Ossa] fixeron unha selección dos mellores rexistros musicais procedentes das súas recollas de tradición oral. Estes materiais edítanse xunto a un ensaio de carácter divulgativo, a transcrición das melodías e unha escolma de fotografías inéditas da súa estadía en Galiza, e conforma unha obra de singular valor histórico, antropolóxico, etnográfico e musical para Galiza.