¿Pode un home transformarse en música? Este libro narra a novelesca vida de José Ramón González Pérez (1913-2007).
Nacido en Cuba, pastor nos Ancares galegos e un destacado membro dunha estirpe de músicos documentada desde comezos do s. XIX, a dos Gaiteiros do Bodego . “Fuxido” pola súa lealdade á República durante a Guerra Civil, “recrutado forzoso” ás ordes de fascistas e nazis, emigrante na Arxentina en 1949 coa súa compañeira, Dorinda, e coa súa primoxénita,Amelia.
Durante os 58 anos e medio nos que viviu alí, fixo da arte da gaita un modo de existencia que lle permitiu sortear certas desgrazas e seguir conectado con todo o que amaba, até o punto —en palabras do seu biógrafo, o musicólogo arxentino Norberto Pablo Cirio— de transmutar a súa corporeidade ao instrumento. Inclúese un CD cunha selección de gravacións de extraordinario valor musical e histórico, que inclúe as interpretacións que José Ramón enviou por medio de cartas sonoras a familiares e amigos a través do océano durante medio século.
Sobre o autor:
Norberto Pablo Cirio (Buenos Aires, 1966). Licenciado en Ciencias Antropolóxicas (UBA, 2002) e doutorando na mesma carreira e univer- sidade. Traballa no “Instituto Nacional de Musicología Carlos Vega” e no “Instituto de Investigación en Etnomusicología” en proxectos sobre música afroarxentina. Desde 2011 é director da cátedra libre de “Estudios Afroargentinos y Afroamericanos” da Universidade Nacional de La Plata e desde 2020 profesor na Universidade Nacional de Tres de Febrero.
Ademais traballa no programa da UNESCO, La Voz de los Sin Voz e é profesor visitante da Universidade de Santiago de Compostela. O seu interese desde os anos 90 nas músicas da colectividade galega emigrada na Arxentina levárono a realizar numerosas publicacións científicas e divulgativas sobre o tema, entre elas: El romancero de la Galicia exterior; Manuel Dopazo, crónicas porteñas; Los Monfortinos, Entrada ao Baile; La grabación de música gallega y asociada a ella en Buenos Aires (1907- 2015); La música tradicional gallega en la Argentina entre 1860 y 1960; Maruxa Boga, Recordando a Galicia etc.
Ficha técnica:
- Libro-CD
- Ref: CM22
- ISBN: 978-84-122867-9-3
- Páxinas: 160
- Colección CHAVE MESTRA
- Ano: 2024
- PVP: 20€
Mercar nas loxas online:
- Mercar en Inquedanzas Sonoras
- Mercar en Voando libre