Ben Vennas Maio

Ben Vennas Maio, de Pablo Sanmamed, é unha viaxe ás Cantigas de Afonso X a través de dúas linguaxes que se encontran: as da música medieval e o jazz. Editado por aCentral Folque en formato vinilo, neste traballo a música conflúe con outras dúas propostas artísticas: as que ofrecen as fotografías de Eutropio Rodríguez e a creación literaria de Alba Cid. Música, texto e fotografía mostran a súa entidade ao tempo que dialogan sobre os temas centrais de Ben Vennas Maio: as cantigas, o maio, a primavera, a muller.

Para este proxecto, o contrabaixista e compositor galego Pablo Sanmamed conta con músicos de talle internacional como Begoña Olavide (salterio e voz), Elena Tarrats (voz), Xurxo Varela (viola de gamba), Iago Mourinho (piano), Chus Pazos (batería) e Carlos Castro (percusións).

A liberdade compositiva e de ornamentación son dúas máximas da proposta de Ben Vennas Maio. As mans e as voces destes músicos ofrécennos unha viaxe a través de nove cantigas da autoría de Afonso X, reinterpretadas e nalgún caso musicadas para a ocasión. Estas cantigas ofrecen patróns rítmicos moi ricos que cobran outra dimensión ollados desde a cultura do jazz. No plano literario, os textos escollidos achegan puntos de vista que a miúdo sorprenden: é o caso de Non ven al maio, unha cantiga que ofrece unha aceda crítica aos excesos dos poderosos.

Ben Vennas Maio é un vinilo de extraordinaria factura, tanto desde o punto de vista musical como da fotografía e os textos que o compoñen. Estas tres patas sobre as que se constrúe o traballo dialogan de maneira fluída arredor dos motivos centrais do proxecto.

A poeta Alba Cid é a encargada da creación literaria. O seu texto, sutil e profundo, dá soporte e coherencia ao conxunto do traballo. Alba Cid conversa coas propias cantigas, que resoan nas súas liñas, e xoga coa etimoloxía e coa multiplicidade de sentidos que poden agochar ás palabras. Vai á esencia, ao que nos conecta: o tempo, a terra, os ciclos.

O apartado de fotografía e arte vai da man de Eutropio Rodríguez. A inspiración da súa proposta encóntrase nas Maias, figuras femininas caracterizadas con motivos florais para celebrar a chegada da primavera. Sobre esta tradición ancestral e arredor da música e dos textos de Ben Vennas Maio, a intuición de Eutropio Rodríguez ofrécenos como resultado estas hipnóticas fotografías.

Todas as fotos son © de Eutropio Rodríguez.

Plataformas de escoita dixital das músicas. Podes mercar e escoitar un adianto do single Strela do dia nas diferentes webs premendo aquí.


Vídeo Strela do dia:

 

 

 

Comments are closed