Vimos de lanzar o primeiro traballo discográfico desta nova banda chea de veteráns músicos da escena compostelana, Brúa. O formato deste seu primeiro disco é un vinilo e un CD. E os temas pódense escoitar nas principais plataformas de escoita dixital.
- CD/ Vinilo
- Ref: aCF-V2
- Ano: 2022
- PVP: 20€/15€
Brúa é unha banda orixinada na zona vella de Santiago de Compostela e conformada por reputados intérpretes do folk atlántico, valentes que non se deixan intimidar polo contexto e a incerteza, e que poderían facer parte da historia musical do futuro. Os seus integrantes participaron en gravacións e concertos con grandes artistas e bandas folk de primeiro nivel, realizando como banda xiras polo circuito de salas e festivais europeos coma The Cobblestone e The Crane Lane en Irlanda, o Festival Folkez Blai de Biscaia ou o Festival de Ortigueira entre outros, recibindo sempre boas críticas, tanto do público coma dos artistas. Cara a finais de 2019 comezaron a preparar a gravación do seu primeiro disco homónimo que só agora ve a luz. Nel ofrécennos feroces popurrís instrumentais, así como evocadoras cancións caracterizadas por un estilo directo e honesto que revela unha longa experiencia en foliadas e sessions, o seu coñecemento do repertorio tradicional e o contacto con outras músicas europeas. O disco debut deste virtuoso quinteto, novo e experimentado a un tempo, contén 10 pistas de musicalidade visceral pero precisa, pensada para conseguir esa atmósfera inigualábel dos seus directos. Basta con renderse á intemporalidade cada nota e deixar que o tempo fuxa.
Gravaron neste disco:
- Xabier Agra: flauta e voz
- María G. Blanco: violino
- Manuel Carballada: bodhrán, percussons miúdas e voz
- Gúmer Freire: bandolim e bouzouki
- Roi Sampedro: guitarra acústica e voz
- Xulián Rodríguez: acordeom cromático
- Xacobe Varela: voz e gaita
Temas:
Lado A
- Jota e moinheiras de Poso
- Xotes de Brántuas
- Belerda
- Polcas
- Moinheiras de Aldám, Farruco e Antón
Lado B
- Mazurcas da Lea e da Ressaca
- Pasodobres
- Corridinhos
- Maneio de Lema
- Moinheiras de José Marentes e do Morraço
Escoita a Brúa nas plataformas dixitais: