A faia de Ponto. Le roi de la Galice
Autoras: Alba Cid e Estevo Creus (textos) e Maria João Worm (deseños)
Plaquette. 20€
No bosque artúrico de Brocelianda, en Paimpont (Bretaña), aínda hoxe podemos contemplar a faia de Ponto. Conta unha lenda que foi Ponto, le Roi de la Galice, quen plantou esa faia, outra asegura que a árbore é o propio Ponto, convertido nela tras a súa morte. Partindo do romance medieval francés de finais do XIV ‘Ponthus et la belle Sidonie’, Alba Cid e Estevo Creus emprenden unha orixinal relectura poética que, deconstruíndo e ramificando o relato mítico, fai tremer as visións tradicionais do heroe e trae ás areas do presente o fondo cultural do mundo artúrico, lembrándonos a vitalidade do Reino da Galiza como referente na Europa medieval. Coa máxima liberdade creadora, os poemas de ‘A faia de Ponto. Le Roi de la Galice’ devolven a voz aos personaxes da orixinaria novela en verso, conseguindo que transiten unha cotiandade moderna sen renunciar ao seu sino histórico. As iluminacións realizadas en exclusiva para a presente edición son obra da artista lisboeta Maria João Worm.
Data de lanzamento: 5 de novembro.
Pódese mercar en librarías ou nas webs das nosas distribuidoras: Consorcio Editorial Galego e Inquedanzas Sonoras.
#Proxecto gañador do Fondo de proxectos culturais do Reino de Galicia 21-22 da Cultura da Deputación da Coruña