Que significaba morrer na Idade Media? Os prantos galego-portugueses amósannos un conxunto de prácticas culturais nas que a morte non era só un feito biolóxico, era tamén un acto social, político e artístico.
Estes poemas musicados, creados no ámbito cortesán e relixioso para conmemorar a morte dunha persoa, con ecos na tradición popular, transmiten unha pluralidade de voces e revelan como se construían formas colectivas de memoria, identidade e poder. Neles recoñecemos non só a dor e o consolo, senón tamén a súa sofisticación estética, encargos dinásticos para afirmar liñaxes, exercicios de memoria colectiva ou formas de devoción.
Redescubrilos hoxe é unha oportunidade para volver a un tempo no que a morte se representaba, cantaba e ritualizaba para dotala de sentido, deixando un legado literario, lingüístico e emocional que segue a interpelar a nosa sensibilidade contemporánea.
Sobre as autoras
Eva Moreda é catedrática de musicoloxía na Universidade de Glasgow e escritora en
lingua galega. Como investigadora, tense ocupado nomeadamente da historia política da
música baixo o Franquismo e no exilio, así como da historia temperá das tecnoloxías de
gravación e as gravacións sonoras, con tres monográficos e dúas ducias de artigos publicados.
Unha liña investigadora máis recente é a das prácticas vocais históricas na música medieval,
sobre a que ten publicado na revista Textus et musica. Como escritora en galego, ten publicados unha ducia de títulos nos eidos da novela (últimos títulos: Para a toda vida, Aira, 2020; O raposo na fronde, Morgante, 2024) e a non ficción creativa (últimos títulos: O infinito no pé, aCentral Folque, 2021; Pagáns e pragmáticos, Morgante, 2024).
Andrés Díaz Pazos é un recoñecido músico e investigador especializado no período tardomedieval e primeiro Renacemento e investigador e divulgador no ámbito do patrimonio científico e da organaría galega. En 2008 participou, por encargo da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, no equipo de catalogación dos órganos de Galicia e, froito deses traballos, realizou diversas publicacións en revistas especializadas. Como músico multiinstrumentista colaborou con multitude de formacións galegas do campo da música antiga e é fundador e director do Grupo de música antiga 1500, no que interpreta diversos instrumentos de vento e corda pulsada. É ademais impulsor de diversas iniciativas relacionadas coa divulgación da música antiga e a valorización do patrimonio organístico, principalmente a través do festival Espazos Sonoros, do ciclo O órgano da Compañía doutra maneira, o ciclo De Lugares e Órganos ou o Salão Filosófico de Brión, nos que colabora como asesor musical.
Detalles
- Ref: SV05
- ISBN: 979-13-990115-5-5
- Páxinas: 127
- Colección SEIVA
- Ano: 2025
- PVP: 20€
Mercar no Consorcio Editorial e Inquedanzas.com







