Taibo. Verso libre da música galega

Luís Taibo García (Santiago de Compostela, 1877 – México D.F., 1954) é unha rara avis in terris e figura fundamental dentro da cultura musical galega. Profesionalmente dividiu a súa vida entre a música e a medicina, pero tamén entre Galicia e México, país que o acolleu e lle permitiu desenvolverse plenamente. No ámbito musical supón un paso máis cara o nacionalismo galego, dende un estilo moi persoal e sempre enraizado na tradición galega.

Compositor, pianista, director coral, escritor e médico, Luís Taibo foi unha figura poliédrica esencial nos diferentes movementos galeguistas de finais do século XIX e primeira metade do XX. Recoñecido en vida, pero desdebuxándose cada vez máis co pasar dos anos, este libro non só cumpre cunha débeda antiga, senón que nos abre unha fiestra a unha vida e obra polifacética, na que nos mergullamos asombrados e atraídos a partes iguais.

Luís Taibo foi un “verso libre” da música galega. A falta de medios, institucións musicais fortes e unha escola compositiva asentada conspiraban en contra para lograr un grupo dotado de unidade de acción, que non só fose recoñecido en Galicia, senón tamén no resto de Europa e América. Non obstante, convén recordar que si existiu un contexto común e un ideario compartido, que permitiu certa cohesión entre os músicos galegos, do que se dá boa conta ao longo deste libro.

Alberto Cancela a partir dunha minuciosa investigación consegue elaborar a biografía dunha figura con múltiples vidas. O libro conta tamén cun catálogo completo das súas obras e ademais un apartado documental, con partituras, epistolario e textos literarios.

Sobre a colección:

Sonora Urbana é unha liña editorial de aCentral Folque sobre as músicas eruditas e populares fundamentais na conformación das identidades musicais galegas desde fins do século XIX até os nosos días.

Sobre o autor:

Alberto Cancela Montes (Santiago, 1984) é diplomado en Educación Musical pola Universidade de Santiago de Compostela, licenciado en Historia y Ciencias de la Música pola Universidade de Oviedo, onde tamén se doutorou en 2020. Ten publicados diversos traballos de investigación relacionados coa vida musical en Galicia entre a segunda metade de século XIX e a primeira do XX. Precisamente cun traballo sobre a familia de músicos Courtier e, en colaboración coa súa irmá a tamén doutora Beatriz Cancela, obtivo en 2011 unha «Mención Especial» no II Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán. Xunto con Sixto Gómez deu forma a “Chané. O nacemento da Música Popular Galega“, editado por aCentral Folque, no que se narra a vida de José Castro González “Chané”, nome fundamental na revolución que viviu música galega na súa época.

Ficha técnica:

  • Libro-CD
  • Ref: SU2
  • ISBN: 979-13-990115-0-0
  • Páxinas: 288
  • Colección: SONORA URBANA
  • Ano: 2025
  • PVP: 20€

Mercar no Consorcio Galego

Mercar en Inquedanzas Sonoras

Comments are closed.