O Tesouro Espeleolóxico Galego é unha iniciativa de aCentral Folque subvencionada pola Deputación da Coruña na convocatoria de Proxectos Singulares do presente ano 2022. O proxecto inclúe a publicación do libro e varias actividades con presentacións en formato café científico-literario e un roteiro por localidades da provincia da Coruña. A continuación detallamos o programa a desenvolver nesta recta final do ano:
Roteiro ao Altar de Santiago, PADRÓN. 28 decembro 16:00h | Saída desde a Capela do Santiaguiño do Monte
TESOURO ESPELEOLÓXICO GALEGO. Clube Espeleolóxico MAÚXO
Café científico-literario. PADRÓN. 28 decembro 19:00h | Casa de Rosalía A Matanza, s/n
TESOURO ESPELEOLÓXICO GALEGO. Tereixa Otero (Clube Espeleolóxico MAÚXO) | Alba Cid (poeta)| Anxo Angueira (Fundación Rosalía de Castro)
—
Café científico-literario. RIANXO. 29 decembro 19:00h | Biblioteca Pública Municipal, Pr. Rafael Dieste, 1
TESOURO ESPELEOLÓXICO GALEGO. Tereixa Otero e Xavier Groba (Clube Espeleolóxico MAÚXO) | Alba Cid (poeta)
—
Café científico-literario. PONTECESO. 30 decembro 17:00h | Fundación Eduardo Pondal, Aldea do Couto.
TESOURO ESPELEOLÓXICO GALEGO. Tereixa Otero (Clube Espeleolóxico MAÚXO) | Alba Cid (poeta)
COVA CÉLTICA (Fundación Eduardo Pondal)
A presente novidade editorial é o resultado de máis de 30 anos de compilación editorial por parte do Clube Espeleolóxico Maúxo. O traballo está compilado nun volume de 544 páxinas, con máis de 1200 referencias documentais (textos e imaxes) de interese espeleolóxico e datadas con anterioridade ao ano 1970.
Covas, furnas, grutas, cavernas, espenucas e minas dan conta de Galiza coma un país protagonista en furados no subsolo marcados pola historia e polas lendas. A simple mención destes subterráneos atravesa a historia da Galiza por estar presentes nos mitos máis elementais da nosa cultura.
Un inframundo de cavidades e labirintos en continua transformación que sosteñen o mundo da superficie onde se escoita o murmurio das achegas colectivas que foron compilando, dun xeito horizontal, toda a información plasmada neste libro.
A publicación é unha achega ilustrada acerca de medio milleiro de cavidades naturais e artificiais con información de proveito para calquera persoa interesada na natureza, xeoloxía, xeografía, arqueoloxía, historia, etnografía, literatura, etc. vencellando dun xeito claro e deleitoso ciencia e cultura.
A obra, que inicia a colección rupestre sonoro, é acompañada pola escrita da poeta Alba Cid quen tamén realiza unha pormenorizada entrevista ao Clube Espeleolóxico Maúxo.