Ultimos bordóns…

Esta semana remata o ciclo Bordóns: a zanfona no Camiño, un programa de concertos en lugares de interese patrimonial arredor deste instrumento. Será este venres na igrexa de Santa María de Godos en Caldas de Reis con Francisco do Romualdo e os seus ‘Paus de cego’ e a presentación de ‘Retrotopía’ con David Bellas e Iván Abal; e o sábado na igrexa de Santiago en Padrón para clausurar cun concerto de Germán Díaz.

Os concertos son de balde até completar capacidade.

Venres 14 outubro. 19.30 h
David Bellas & Iván Abal: ‘Retrotopía’ + Francisco do Romualdo: ‘Paus de cego’
Igrexa de Santa María de Godos, Caldas de Reis

Cuarto concerto do ciclo Bordóns: A zanfona no Camiño na igrexa de Santa María de Godos do concello de Caldas de Reis. Un programa duplo co preludio do Francisco do Romualdo e o espectáculo ‘Paus de cego’ no adro do templo e o concerto especialmente encomendado para o festival de David Bellas e Iván Abal ‘Retrotopía’ con dúas partes, unha con composicións propias para gaita e zanfona desde a perspectiva da música académica de vangarda e outra sobre interpretación de músicas medievais.

  • David Bellas: gaita-de-fole e composicións
  • Iván Abal: zanfona

David Bellas é titulado Superior en Instrumentos da música tradicional e popular de Galicia e Titulado Profesional en Gaita Galega polo Conservatorio Superior de Música de Vigo. Está detrás proxectos seminais da música para gaita contemporánea como Chupacabras ou Ensemble Matamá.

Iván Abal é titulado Superior en Piano, Solfexo,  Instrumentos da música tradicional e popular de Galicia e Historia e Ciencias da Música e mestrado en Arte Dramática pola Un de Vigo. Impartiu docencia nos principais conservatorios galegos e actualmente exerce a docencia no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Ten tocado con Son de Seu, Obal ou MetalXis.

Francisco do Romualdo, cantante zanfonista invidente da Ribeira Sacra cun repertorio autenticamente de romances vulgares “ de cego” e os explica no seu contexto acompañado da maltrañas, bastón e caixa para as esmolas…

Sábado 15 outubro. 20.30 h
Germán Díaz: ‘A zanfona e o Camiño de Santiago’
Igrexa de Santiago, Padrón

Derradeiro concerto do ciclo Bordóns  co concerto de carácter temático ‘A zanfona e o Camiño de Santiago’ polo virtuoso Germán Díaz. Adaptación en clave de jazz sobre romances, danzas medievais, folklore castelán e composicións propias inspiradas no primeiro itineraio cultural europeo.

Terá lugar na igrexa de Santiago de Padrón, lugar moi vencellado á historia xacobea onde, segundo sinala a tradición, petou o barco co corpo martirizado de Santiago O Maior cando chegou á Gallaecia.

Sobre Germán Díaz:

Naceu en 1978 en Valladolid, onde realiza estudos de guitarra clásica e Filoloxía Clásica na Universidade de Valladolid. Estuda zanfona cos grandes mestres europeos. Actuou por todo o mundo con numerosas formacións e intérpretes. Pertenceu á mítica Viellistic Orchestra e o Symphonía Quartet, cuarteto ibérico de zanfonas. Actuou por todo o mundo con proxectos tan dispares como Tasto Solo, centrado na interpretación de repertorios para instrumentos de tecla dos séculos XIV e XV, ou agrupacións jazzísticas como Baldo Martinez ou Paolo Angeli. En 2004 creou a súa propia discográfica, Produciones Efímeras, canda Fernando Fontes. Colaborou en máis dun centenar de gravacións discográficas e editado numerosas obras como solista, e composto B.S.Ou. para cinema, teatro e televisión.

Sobre a zanfona e o programa:

A zanfona é un dos instrumentos que máis representacións ten ao longo das diferentes rutas que debuxan a peregrinación cara a Santiago. O sorprendente da organoloxía do instrumento, é que, despois dos seus máis de mil anos de historia, é practicamente o mesmo artefacto o que se usa hoxe en día para a música contemporánea e o que se utilizou no século XII para acompañar os cantos litúrxicos.

A zanfona viviu un período de esplendor na baixa idade media e no papel da música no Camiño; moitas das representacións do organistrum apelación que damos ao antecesor da zanfona-, sitúano no lugar principal da arquivolta de músicos que rodean ao Pantocrator.

Aínda que no século XVIII, co afán barroco polo extravagante, converteuse en instrumento de corte, e a propia reina María Leszczynska tentaba a súa práctica, a zanfona foi instrumento de cegos e esmoleiros, que usaban ese bordón continuo como base para acompañar romances e narrar historias.

Así volveu á Península, a través da Ruta Xacobea, coas historias e as aleluias dos cegos copleiros.

 

 



Estes concertos fan parte do ciclo ‘Bordóns: a zanfona no Camiño’, proxecto beneficiario do programa O teu Xacobeo. #OteuXacobeo #Xacobeo2021 #zanfonanocaminho

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario