Do 30 de xuño ao 2 de xullo decorrerá o XIX Encontro Internacional Zona da Zanfona en Rianxo. Un evento que cumpre as dezanove edicións ininterrompidas desde 2004 organizado por aCentral Folque e promovido desde o Concello de Rianxo onde teñen pasado os nomes máis senlleiros da escena europea na práctica instrumental da zanfona nas últimas dúas décadas.
Zona da Zanfona é o festival da manivela musical, da revolución silenciosa e mecánica do arco infinito. Combina programación de actividades para o público xeral e especializado que se acheguen até Arousa Norte. Músicos amadores e profesionais e audiencias en xeral que atoparán gozo e deleite na escoita deste fabuloso instrumento. O ZdZ ofrece na vila mariñeira e literaria de Rianxo unha desculpa para vir e gozar de concertos, cursos e convivio arredor da zanfona.
A programación deste ano pivota en tres eixos: concertos de balde, cursos de aprendizaxe e a xuntanza de escolas de zanfona.
Os concertos procuran mostrar o abano de tendencias actuais co instrumento coma protagonista: a música experimental (co virtuoso canadense Ben Grossman e as músicas experimentais), o folk onírico (Sangre de Muérdago presentará o seu último disco O vento que lambe as miñas feridas), o tradicional recreado (o espectáculo de Cantometrics sobre as gravacións históricas de Alan Lomax e Janette Bell na Galiza de 1952) e as novas expresións (Iván Abal e David Bellas co programa Retrotopías de composicións académicas para zanfona e gaita).
Esta edición contará de novo co Palco Aberto ZdZ, a 7ª mostra das escolas de zanfona do país que xa conta case con 100 intérpretes no que amosan diferentes músicas que aprenden ao longo do ano. A seguir haberá o Xantar ZdZ, unha comida de confraternidade das persoas asistentes. Os concertos son de entrada libre.
Os cursos de interpretación serán con prazas limitadas. O de iniciación con Óscar Fernández (para o que non se precisa instrumento propio, empréstase un desde a organización) e de especialización co canadense Ben Grossman (avanzado) e o galego Vítor Soto (intermedio)
Este ano ademais repite unha actividade apaixonante neste ámbito. Será o curso de construción dunha zanfona conducido polo artesán Suso Gestal e o músico Ariel Ninas. A partir da filosofía DIY e dos novos xeitos de produción (corte láser e fabricación aditiva) desenvolveuse un instrumento básico para ser montado nos dous días que dura o curso para asegurar que cada participante leva para casa unha zanfona funcional e a aprendizaxe de tela feito.
O ZdZ continúa tamén coa divulgación de repertorio zanfoneiro coa sexta entrega do Cancioneiro #ZdZ, publicación de acceso gratuíto e descarga libre que pretende ser unha escolma de cancións coas achegas dos docentes de escolas de zanfona de Galiza para ter un repertorio común de cancións populares e simples para todos os niveis. Podes descargar os cinco primeiros destes cancioneiros aquí.
Haberá unha presentación editorial do primeiro método publicado en Galiza para o instrumento. Manual galego de zanfona é un libro en formato físico con apoio en vídeos didácticos que presenta as partituras comentadas, explicadas e ordenadas de xeito progresivo, feito por Suso Vaamonde Manteiga.
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
ZONA DA ZANFONA. 19 ENCONTRO INTERNACIONAL. RIANXO 2023
Concertos
Venres 30 xuño. Praza Rafael Dieste. 21.30 h
- Sangre de Muérdago
- Ben Grossman
Sábado 1 xullo. Praza Rafael Dieste. 21.30 h
-
- Cantometrics
- David Bellas e Iván Abal
Palco Aberto ZdZ domingo 2 xullo. Pazo do Rianxiño. 12 h
- Mostra de escolas de zanfona
- Xantar aberto ZdZ
Presentación: Manual galego de zanfona Con Suso Vaamonde. domingo 2 xullo. 17 h. Pazo do Rianxiño
Cursos ZdZ
- Iniciación. Óscar Fernández. Venres 30. 16-20h (emprestamos instrumento!)
- Intermedio. Vítor Soto. Venres 30. 16-20h
- Avanzado. Ben Grossman. Sábado 1. 10-19h
- Construción. Suso Gestal e Ariel Ninas. Sábado 17 e domingo 18 xuño. 10-20h
Info para os cursos:
- Datas de inscrición: a partir do 1 de xuño
- Lugar: Auditorio de Rianxo
- Inscrición: debes encher o formulario de inscrición accesíbel no link de cada unha das actividades: pica no link de cada curso: Iniciación ; Intermedio; Avanzado ; Construción
- Correo información: matricula@folque.com
::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
Programación ZdZ en detalle:
[events_list category=”143″ scope=all]
Actividade promovida por:
Apoio de: