A xornada Os instrumentos tradicionais baixo a perspectiva dos artesáns, terá lugar no Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela o venres, 13 de novembro 2015. Desde finais da década dos 70 vimos asistindo a un rexurdir da nosa música popular, posto de manifesto no cada vez maior número de persoas que se dedica a este campo do noso acervo cultural, ben desde a interpretación, a recolleita, a investigación, o ensino…, ben desde a divulgación, a organización de mostras, festivais, xuntanzas, seminarios, etc. Todo este movemento puxo en valor unha parte da nosa cultura popular que a maioría do pobo descoñecía ou infravaloraba, e fixo posible que hoxe en día a música galega goce dun prestixio e un recoñecemento a nivel internacional. Neste proceso tiveron un papel fundamental, aínda que non moi coñecido, os nosos artesáns, que grazas ao seu tesón, rigor e bo facer foron quen de construír cada vez mellores instrumentos e investigar na recuperación doutros que xa ficaban totalmente esquecidos. Non podemos deixar de mencionar figuras inesquecibles nesta arte como Faustino Santalices, Poceiro, Basilio Carril, Paulino Pérez, García de Riobó, Represas, Manuel Calvo (O peneireiro), José Seivane e Antón Corral entre outros. Todos eles tiveron sempre as portas dos seus obradoiros abertas á xente nova que quixo internarse no seu oficio ancestral, razón pola cal temos hoxe tantos e tan bos continuadores do seu legado.
O Consello da Cultura Galega, desde a Sección de Música e Artes Escénicas, consciente da importancia do seu labor, promove unha xornada en que se debaterá sobre a situación actual deste sector. O seu contido estrutúrase en catro relatorios de catro persoeiros de recoñecido prestixio neste ámbito, seguidos dunha mesa redonda para o debate e posterior coloquio co público. Coordinada por Xosé Vicente Ferreirós, contará coa presenza de Álvaro Seivane, Xaneco Tubío, Oli Xiráldez e César Loureiro.
Pode consultar o PROGRAMA.
Nesta ligazón pode facer a súa solicitude de inscrición.
A inscrición é gratuíta. O número de prazas é limitado (100 persoas).