XXI Zona da Zanfona. Arzúa

XXI Zona da Zanfona. Festival Internacional. Arzúa

Datas: 21 a 23 novembro 2025

Desde 2005 aCentral Folque organiza nunha fin de semana o máis importante programa de actividades arredor da zanfona que se celebra na Península Ibérica. Concertos, cursos, palestras, presentacións e convivio para as público en xeral e especializado. Do 21 ao 23 de novembro de 2025 terá lugar a edición número vinte e un e que se celebra na vila de Arzúa este ano. Vinte anos de promoción e divulgación sobre o senlleiro instrumento, pondo Galiza no mapa internacional e axudando á dinamización da aprendizaxe no país para as novas xeracións de tocador@s. Organizado co apoio do Concello de Arzúa e o patrocinio da Deputación da Coruña, Zona da Zanfona é máis que un festival, é a cita de músicos amadores e profesionais e audiencia xeral sobre un dos instrumentos tradicionais europeos que ten na Galiza un dos lugares de referencia cunha significativa relevancia por número de escolas, alumnado, proxectos artísticos e luthieres.

Aproveitando a efeméride, o festival aproveitará para lanzar a súa primeira web adicada: zanfona.folque.com. Este site non é só un espazo para a promoción de actividades senón tamén un repositorio de toda a información, vídeos, fotos e nomes propios que aCentral Folque leva asociando ao programa ZdZ e todas as súas programacións parellas: Encontros de zanfona contemporánea, Diálogos coa zanfona, Bordóns: a zanfona no Camiño, ZdZanfona para levar…

Neste 2025 o festival ZdZ quere render homenaxe a dúas personalidades que finaron neste ano e que son fundamentais para entender o contexto no que a zanfona ten evoluído nos últimos 50 anos. Emilio Cao (1953 – 2025), compositor, arpista, cantante e tamén zanfonista foi unha figura fundamental do folk moderno, primeiro músico en publicar un disco galego na estética do ‘celtismo’ con Fonte do Araño (Novola, 1977) foi un prolífico e internacional artista nos anos 80 e 90 do século XX. Xesús Pérez (1936 – 2025) luthier vencellado ao obradoiro-escola de instrumentos musicais da Deputación de Lugo ao que se incorporou no ano 1975 desde onde desenvolveu unha tarefa de construción e divulgación sobre a zanfona. Ademais deles dous, o ZdZ ten unha lembranza especial para Julio Vázquez Carril, Julio de Froilán, o gaiteiro de San Miguel (1937-2025), músico da parroquia arzuá de Maroxo sobre o que o festival organiza un curso e un concerto para coñecer a súa arte coa adaptación da zanfona do seu estilo á gaita.

A programación desta 21ª edición da Zona da Zanfona convida ao músico inglés Steve Tyler que ofrecerá un curso avanzado e un concerto acompañado de Katy Marchant sobre reelaboración de músicas dos séculos XIII, XIV e XV combinadas con músicas de composición propia. Da parte galega combinamos novos valores con nomes de longa traxectoria no eido. O dúo Pärbo (Anxo Pintos e Begoña Riobó) tocarán por primeira vez no festival unha escolma das súas músicas de raíz patrimonial redefinidas sobre un repertorio tradicional e de autoría propia. A xoven intéprete María López presentará o seu primeiro disco Daydreaming, unha selección de clásicos da música académica arranxada para zanfona solista. Iván Abal ofrecerá un recital sobre o repertorio de Julio Vázquez Carril, ademais de impartir un curso para a tradución da súa linguaxe gaiteira á zanfona. Estes artistas actuarán na Capela da Madanela. Para pechar os concertos en palco, o domingo 23 o ZdZ organiza de novo un encontro de escolas galegas, o que se será a oitava edición desta particular actividade inserida no festival. Para acompañar a actuación das aulas de zanfona, o festival pechará co recital de Zarandela, un novo grupo dirixido con veteranos músicos da escena folk galega e alumnado moi xoven de Germán Díaz.

Aproveitando a Feira do 22 que se celebra o sábado, o ZdZ amenizará este mercado mensual arzuá coa actuación de ‘O cego na feira’ do dúo de Oli Xiráldez e Gustavo Couto

O festival tamén contará este ano co Foro ZdZ que acollerá a palestra ‘Análise da antiga zanfona do cego de Carelle’ de Xosé Manuel Tobío “Xaneco”, luthier de Outeiro de Rei.

Os cursos para intérpretes serán impartidos por Steve Tyler e Iván Abal en sesións intensivas para músicos iniciados. Máis un ano haberá un curso de iniciación á zanfona impartido por Óscar Fernández con instrumentos dispoñíbeis para as persoas asistentes. Este curso está orientado a quen queira achegarse dun xeito distendido e descubrir este universo sonoro desde o nivel cero.

Ademais o ZdZ recupera o curso a distancia para o público internacional que será impartido este ano polo galego Ariel Ninas o domingo 30 de novembro de xeito telemático e en inglés. Esta actividade ten o apoio de H.I.P.S.T.E.R. Ireland (Now and Then Media) unha organización de Limerick que colabora na realización deste curso e que entre outros proxectos, produce o programas de Limerick Early Music Festival.

A inscrición aos cursos poderase realizar cun formulario de rexistro online a partir do 3 de novembro

PROGRAMA DA ZONA DA ZANFONA. 21º FESTIVAL INTERNACIONAL.

Concertos
Steve Tyler & Katy Marchant : ‘Worldes Blis’
María López: ‘Daydreaming’
  • Venres 21 novembro, 21 h. Capela da Madanela. Entrada libre até completar capacidade
Oli Xiráldez e Gustavo Couto: ‘O cego na feira’
  • Sábado 22 novembro.11 h. Feira do 22
Pärbo: ‘Méunimo’
Iván Abal: ‘Arredor da figura de Julio Vázquez Carril’

Domingo 23 novembro, 12 h. Praza de Galiza (se chove terá lugar na Casa de Cultura)

Zarandela
Palco Aberto ZdZ: Escolas galegas de zanfona
  • Sábado 22 novembro. 21 h. Capela da Madanela
Foro ZdZ

Casa de Correos. Sábado 22 novembro, 19 h
Palestra: A zanfona do cego de Carelle. Xosé Manuel Tobío ‘Xaneco’

Cursos
  • Iniciación. Óscar Fernández. Venres 21, 16-20 h. (emprestamos instrumento!)
  • As músicas de Julio Vázquez Carril. Iván Abal. Venres 21, 16-20 h.
  • Masterclass. Steve Tyler. Sábado 22, 10-18.30 h.
  • Online. Ariel Ninas. Domingo 30, 18 h.

Festival organizado por aCentral Folque co patrocinio da Deputación de Coruña. Departamento de Cultura co apoio do Concello de Arzúa


O curso a distancia ten o apoio de H.I.P.S.T.E.R. Ireland (Now and Then Media).

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario