Obradoiro en liña para as Aulas Maxistrais de Primavera da Zona da Zanfona de 2026. Impartido por Sebastian Falk, músico sueco especializado en música Folk e Tradicional Contemporánea.
O curso de dúas horas inclúe material para estudo posterior co fin de comprender o contexto cultural da Polska en Escandinavia e especificamente en Suecia, onde hoxe ten unha tradición moi viva; os diferentes tipos de bailes e melodías da slängpolska; a polska ‘de oito notas’ ou de tercinas, etc., as súas variantes, e o xeito de adaptala á zanfona con ornamentación e acentos do bordón rítmico.
Esta masterclass está indicada para todos os niveis, desde contidos introdutorios ata outros máis sofisticados para os intérpretes avanzados.
Detalles:
- Tipo: en liña máis material de estudo adicional
- Duración: 2 horas
- Horario: das 18:00 ás 20:00 (UTC+2 ou Horario de Verán de Europa Central)
- Data: domingo 26 de abril de 2026
- Idioma: inglés con sotaque rexional
- Consultas: matricula@folque.com
- Tarifa: 35 €
- Inscrición: Serie ZdZ’26 aquí
Sobre a masterclass
A Polska, un dos tipos de danza máis comúns, se non o que máis, na música folk tradicional sueca. Será unha introdución a este tipo de melodía a través dunha serie de pezas e técnicas vencelladas ás diferentes variacións cun nivel de dificultade variábel, desde principiante até máis avanzado.
Desde os fundamentos do que fai que unha polska sexa unha polska, até traballar con diferentes variacións do tipo de melodía procedentes de distintas rexións de Suecia. Sebastian presentará a súa aproximación para adaptar a música á zanfona partindo do que se tocaba principalmente co violín. Contido adicional sobre ornamentación, variacións rítmicas, dinámicas e diferentes patróns de trompeta para acompañar as melodías e facelas bailabeis.
As persoas asistentes recibirán material como partituras e gravacións para poder continuar traballando coa música e, con sorte, sentirse inspiradas para explorar máis a fondo o mundo grooveiro da polska e da música folk sueca!
Sobre o docente
Aínda que non é inicialmente zanfonista, Sebastian comezou a tocar o instrumento ao redor de 2015 e iniciou unha viaxe que se tornou máis importante do que inicialmente anticipara. Cun foco principal na música folk tradicional sueca, estudou no programa de grao en Música Tradicional Contemporánea da Universidade de Gotemburgo en Suecia, coa vevlira (zanfona) como instrumento principal. Coa guía de diferentes profesores, como Mia Marine (violín) e Johannes Geworkian Hellman (zanfona), entre outros, explorou o lugar e as posibilidades do instrumento tanto na música folk sueca/escandinava como noutras tradicións doutras partes do mundo. Tamén desenvolveu o seu propio estilo de interpretación en combinación con pedais de efectos, ao tempo que compón música que se inspira na música folk tradicional sueca e no post-rock/rock instrumental.










