Este fin de semana temos unhas actividades arredor dos Zés Pereiras coa visita desde o distrito do Porto de Napoleão Ribeiro (Chulada da Ponte-Velha, gaiteiro de Santo Tirso e investigador) e Tiago Manuel Soares (Cardo Roxo, Kriols, músico e virtuoso percusionista) para a presentación editorial do libro ‘Os Zés Pereiras: uma cultura musical do Entre-Douro-e-Minho’ este venres 3 de marzo e do curso de tarrañolas o sábado 4 en Compostela.
Sobre o libro:
aCentral Folque organiza coa libraría Pedreira de Compostela esta presentación editorial que acaba de saír do prelo a finais de 2022 sobre un tipo de formación musical popular da beira sul do Río Miño onde os tambores, bombos e instrumentos de vento (fundamentalmente gaita-de-fole mais tamén pífanos e clarinetes) amenizaron as festas, romarías, procesións e xuntanzas desde comezos do século XIX no norte portugués e que actualmente gozan de dun renovado impulso neste século XXI. Estas tipoloxías son semellantes ás galegas de gaita e percusión, treboadas do Rosal ou folións do entroido ourensán.
- Coa intervención dos autores Napoleão Ribeiro e Tiago Manuel Soares
- Lugar: Libraría Pedreira, rúa do Home Santo 55. Compostela
- Data: venres 3 de marzo 2023
- Hora: 20 horas
- Entrada libre
- + info: aquí
Sobre o curso:
Ofrecemos agora un curso para persoas iniciadas co mestre e virtuoso portugués Tiago Manuel Soares. Esta oficina partirá dos toques básicos de diferentes ritmos até as complexidades de tocar a dúas mans, hemiolias, polirritmos, técnicas estendidas, etc. Ao final do curso as persoas asistentes levarán moito material de estudo para continuar a práctica nos vindeiros meses.
- Formador: Tiago Manuel Soares
- Lugar: Centro Sociocultural da Trisca. Santiago de Compostela
- Data: sábado 4 de marzo 2023
- Horario: 10.30 a 13.30 horas. 3 horas totais
- Prezo: 10 €
- Prazas limitadas
- Nivel: medio e avanzado; persoas xa iniciadas no instrumento.
- Inscripción e + info: aquí