Continúan as actividades No Campo de Fóra coa terceira entrega do ciclo este martes 5 maio ás 19.30 h. no CSC de Vite con Xavi Bufa (Xavier Lozano) desde Catalunya co concerto didáctico: Tubos do mundo para o público familiar.
Sobre o espectáculo
Pódese facer música cunha vasoira? Cunha escaleira ou cunha barreira de obra? Pódese! E vaia que si!
No mundo hai moitísimos tubos que se poden soprar. Se as frautas son esencialmente tubos, moitos tubos da nosa contorna máis cotiá poden considerarse frautas… se sabes como soprar neles. Tubos do mundo é un concerto sorprendente no que Xavi Lozano presenta a súa particular forma de relacionarse musicalmente cos obxectos. “Eu xa tocaba instrumentos de vento pero, fai anos, cando o meu avó rompeu o fémur, comecei a tocar a súa muleta. Desde entón non puiden deixar de soprar cousas”.
Dende fai máis de 20 anos, Tubos do mundo chega ás catro puntas do planeta. Vénse representando en conservatorios, centros culturais , en teatros e en escolas, lembrándonos con humor e enxeño que a música está alí onde decidamos atopala.
Xavi Lozano
É un músico multiinstrumentista que participa en varias formacións, como Bufa & Sons, a banda de Eliseo Parra, ou Tactequeté. Como músico experimental, desenvolve unha impresionante destreza extraendo sons e construíndo melodías con instrumentos insólitos pola súa cotidianidade.








