No Campo de Fóra 2024

No Campo de Fóra, a Escola de Música d’aCentral Folque nos Centros Socioculturais de Santiago, é un programa de cinco concertos e dous paseos musicais sobre o patrimonio musical da cidade para todos os públicos e de balde organizado por aCentral Folque a través da súa Escola de Música co apoio da Concellería de Capital Cultural do Concello de Santiago.

No Campo de Fóra é un ciclo ao redor da música tradicional reelaborada a celebrarse nesta primavera de 2024 dentro da Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago de Compostela. Son sete propostas da Escola de Música de aCentral Folque cunha variada estética e de formatos estilísticos diferentes arredor das músicas pretéritas actualizadas.

A EMaCF, Escola de Música aCentral Folque, é un centro de ensino dinámico que leva na cidade de Santiago de Compostela 17 anos desde o curso 2008-2009 e 25 desde o seu nacemento no curso 2000-01 en Lalín.

No Campo de Fóra é o nome dun ciclo que xa existiu nos anos 2010 e 2011 cando aCentral Folque saía das aulas para ocupar os palcos dos CSCs e achegar a nova música tradicional aos barrios. Retoma ese espírito e ofrece un novo programa variado e accesíbel.

O ciclo abre o 18 de abril coa proposta ‘Traede ferrallada!’, un concerto participativo ao redor da música de tradición oral de matriz rural con Xisco Feijóo no CSC do Ensanche.

A dupla de Carme da Pontraga e Ariel Ninas, Tralo-Valo, continúa na mesma liña estética da música de raíz cun concerto pensado para bailar no fantástico salón do CSC do Romaño.

Un programa especial sobre a música antiga, patrimonio dun Santiago medieval aínda vivo nas rúas da cidade vella co Grupo 1500 no CSC da cidade Histórica Maruxa e Coralia.

A participación internacional no ciclo virá da man de Ivan Vilela, un virtuoso de São Paulo para un recital solista coa viola caipira no CSC da Trisca e se o tempo o permite será na súa azotea.

O programa de concertos pechará no CSC da Rocha con Aksak en formato de cuarteto, un proxecto compostelán sobre músicas da Galiza e Turquía nunha viaxe desde o Mediterráneo até o Atlántico.

O ciclo inclúe tamén os ‘Paseos musicais’, roteiros especializados sobre o patrimonio musical da cidade para entender os contextos e lugares. Esta serie pretende cubrir diferentes épocas históricas e comeza este ano coas propostas de Richard Rivera, guía turístico e músico, e Andrés Díaz, investigador e músico. Serán conferencias en movemento para público reducido e curioso. Richard Rivera e o roteiro ‘Músicas de Compostela’ o martes 21 maio ás 19 horas e Andrés Díaz con ‘O patrimonio musical dunha cidade educativa’ o mércores 29 maio, tamén ás 19 horas. As actividades son de balde con prazas limitadas; os paseos precisan de inscrición previa en folque.com que se abrirá o vindeiro 25 de abril ás 11.59 am.

Resumo do programa:

Concertos

  • xoves 18 abril. 20 h Xisco Feijoó. Traede ferrallada! 
    CSC do Ensanche. R. de Frei Rosendo Salvado 14-16
  • xoves 2 maio. 20 h Tralo-Valo. Para bailare!
    CSC do Romaño. Travesa de Vista Alegre 46
  • sábado 4 maio. 12.30 h. Grupo de música antiga 1500. Do divino e o mundano
    CSC da Cidade Histórica Maruxa e Coralia. Praza de Salvador Parga 4
  • Venres 10 maio. 20 h . Ivan Vilela. Viola caipira solo
    CSC da Trisca. Corredoira das Fraguas 92
  • Martes 14 maio. 19 h. Aksak. Galiza-Turquía
    CSC da Rocha. Rúa do Beado, 1 Rocha Vella

Paseos musicais

  • Richard Rivera. Músicas de Compostela. Martes 21 maio. 19 h
  • Andrés Díaz. O patrimonio musical dunha cidade educativa. Mércores 29 maio. 19 h

Programación No Campo de Fóra 2024 en detalle:

Data/hora Evento
18/04/2024
20:00
Xisco Feijóo
CSC do Ensanche, Compostela
02/05/2024
20:00
Tralo-Valo
CSC Romaño, Compostela
04/05/2024
12:30
Grupo 1500
CSC Cidade Histórica Marxua e Coralia, Compostela
10/05/2024
20:00
Ivan Vilela
CSC A Trisca, Compostela
14/05/2024
19:00
Aksak
CSC da Rocha, Compostela
21/05/2024
19:00
Músicas de Compostela
Cidade de Santiago, Compostela
29/05/2024
19:00
Patrimonio musical
Cidade de Santiago, Compostela

Este programa está feito en colaboración coa Concellaría de Capital Cultural e a Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago de Compostela.

Comments are closed