Bordóns: A zanfona no Camiño

O ciclo ‘Bordóns: a zanfona no Camiño’ é un programa de concertos arredor deste instrumento milenario vencellado ao Camiño desde a súa orixe  até facer de Galiza hoxe un dos lugares onde goza de maior difusión e práctica. Cinco concertos de diferentes estilos e épocas onde a zanfona é a protagonista con artistas galegos e internacionais: Tobie Miller, Germán Díaz, Ariel Ninas, Pärbo, Bellas & Abal. Como anticipo a algún dos concertos haberá sesións didácticas de divulgación con Xoán-Xil López e Francisco do Romualdo. Os lugares escollidos son senlleiros espazos localizados ao longo dos camiños a Santiago: Muxía, Sobrado, Oia, Caldas e Padrón.

Este ciclo é unha continuidade conceptual e de contido doutros programas realizados por aCentral Folque apoiadas ao abeiro dos fondos Xacobeos: Cantos de Nadal no Camiño Portugués (2020) e os vídeos ZdZanfona para levar (2021).

Programa

Sábado 24 setembro. 19 h
Tobie Miller & Alice Humbert: ‘La belle vielleuse’
Igrexa de San Xiao de Moraime, Muxía

Venres 30 setembro. 18 h
Ariel Ninas: ‘(a)ton’ + Xiselr: ‘Kril’
Sala Capitular do mosteiro, Sobrado dos Monxes

Venres 7 outubro. 19 h
Pärbo: ‘Meditación musical no Rosario’
Igrexa de Santa Uxía de Mougás, Oia

Venres 14 outubro. 19.30 h
David Bellas & Iván Abal: ‘Retrotopía’ + Francisco do Romualdo: ‘Paus de cego’
Igrexa de Santa María de Godos, Caldas de Reis

Sábado 15 outubro. 20.30 h
Germán Díaz: ‘A zanfona e o Camiño de Santiago’
Igrexa de Santiago, Padrón

Un patrimonio inmaterial do Camiño: a zanfona

Os camiños a Santiago teñen constituído un lugar de encontro entre os pobos europeos peninsulares e extrapeninsulares. Nel produciuse xa na Idade Media o contacto entre os acervos culturais que traían os peregrinos frutificando nun rico patrimonio inmaterial conformado fundamentalmente por lendas, cantos épicos (romances) e líricos (cantigas). Con eles chegou a zanfona e así aparece nas esculturas de portas de igrexas do Camiño, coma Ourense, Portomarín ou Compostela co mellor exemplo europeo de iconografía na arquivolta do Pórtico da Gloria e o seu organistrum en localización central.

Este é un instrumento europeo sen parangón noutras culturas; de orixe monacal nalgún lugar de Centroeuropa no século X-XI e que chega a Galicia polo Camiño Francés. Moi apreciado durante toda a Idade Media, fica en mans de músicos ambulantes a partires do século XVI e chega a oírse acompañando aos cantares dos cegos na Porta Santa a finais do século XIX, recollido polo mestre de capela Santiago Tafall. Até que Faustino Santalices o recupera e celebra no salón do Pazo de Xelmírez nun concerto histórico no 1952 que marca a rehabilitación contemporánea dun instrumento que actualmente goza de grande rexurdimento e Galicia é un dos centros de referencia deste florecemento, entre outros factores polo festival que aCentral Folque organiza desde hai 18 anos: Zona da Zanfona, Encontro Internacional.

Ligazóns aos concertos:

Data/hora Evento
24/09/2022
19:00
Tobie Miller&Alice Humbert
Igrexa de San Xiao, Moraime
30/09/2022
18:00
Ariel Ninas + Xiselr
Sala Capitular do Mosteiro, Sobrado
07/10/2022
19:00
Pärbo
Igrexa de Santa Uxía, Oia
14/10/2022
19:30
Bellas & Abal
Igrexa de Sta. Mª de Godos, Caldas de Reis
15/10/2022
20:30
Germán Díaz
Igrexa de Santiago, Padrón

Este programa é un proxecto beneficiario do programa O teu Xacobeo. #OteuXacobeo #Xacobeo22

 

Comments are closed