Esta semana o Curso Maxistral da Escola de Música Popular e Avanzada recibe a visita dun novo e magnífico músico pertencente a unha nova xeración de intérpretes e compositores que está a posicionar os instrumentos populares na música erudita e a creación dunha linguaxe contemporánea propia para a gaita de fole. Desde Viveiro, o gaiteiro e saxofonista David Bellas, falará sobre as novas posibilidades sonoras da gaita, as tímbricas, tons, dinámicas,… así como a súa interesante e enriquecedora experiencia persoal na composición e arranxos de melodías tradicionais na vangarda estética contemporánea.
Breve bio
David Bellas, Viveiro, 1985. Titulado Profesional en Gaita de fol e Titulado Superior en Instr. da Música Tradicional e Popular Galega con matrícula de Honra no seu concerto fin de carreira (sendo a 1ª outorgada nesta titulación).
Na actualidade é Profesor no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, director musical da Escola de Música Tradicional de O Son do Sor no Barqueiro e profesor de vento madeira na Banda de Municipal de Música de Viveiro. Foi Profesor de Gaita no Conservatorio Profesional de Música de Riveira, no Conservatorio Copellia (Vigo), na escola de música de Xove e na Escola de Música Municipal de Foz, así como ten impartido aulas e cursos en diferentes puntos da xeografía Galega e española.
Membro dos grupos Projecto de Foles, Matamá Ensemble e Cuarteto “O Chupacabras” e dirixiu o combo folque do Cmus. prof. de Viveiro. Na actualidade é director da Orquestra de Gaitas de fol e Percusión O Son do Sor.
Centrado na creación de material tanto didáctico como artístico para unha nova linguaxe do instrumento, sendo moitas das súas obras temario obrigado nos principais conservatorios galegos, tanto na modalidade de gaita como na de conxunto ou música de cámara.
Ten impartido cursos e aulas pola xeografía nacional e estatal, así como colaborado con todo tipo de artistas de diversas disciplinas tanto como intérprete como compositor ou arranxista.