Nun repaso nas novas facianas da Escola Livre da MPG, chegamos ao responsável da aula de percusión tradicional con Carlos Freire, percusionista completo, coñecedor de diversas linguaxes das músicas populares actuais e un virtuoso do tambor.
Para a súa aula propón un achegamento ás diversas culturas e tradicións a traves do estudo da percusión. Unha viaxe étnica, na que o alumno ten a posibilidade de coñecer técnicas e instrumentos da música galega, árabe, afro-latina, o flamenco, ou o jazz.
Tamboril, bombo, congas, bongo, darbouka, bendir, caixa flamenca ou batería entre outros, estarán a disposición do estudante atendendo sempre ás preferencias e necesidades de cada un.
OBXECTIVOS XERAIS da aula de percusión tradicional:
- Achegamento ás músicas tradicionais a traves da percusión
- Dominio das técnicas, afinación e rudimentos xerais
- Aprendizaxe da técnica de cada instrumento
- Exploración das posibilidades sonoras dos mesmos
- Coñecemento dos distintos estilos
- Patróns rítmicos e repertorio
- Ritmos irregulares
- Improvisación, técnicas e trucos
- Independencia
- Desenvolvemento da sensibilidade musical para a interpretación instrumental
BREVE BIO de Carlos Freire Pérez.
Naceu en Narón. Xa dende moi novo, comezou a súa andaina musical como percusionista e gaiteiro da man do mestre Victor Xosé Agulló, en formacións da comarca de Ferrolterra ( Gallaecia, Amacuca, etc).
Ao marchar a Santiago de Compostela, comezou os seus estudos no Semirario permanente de Jazz de Pontevedra e Conservatorio superior da Coruña. Tomou clases de percusión árabe, latina, batería e improvisación cos mestres Mohamed Alsayed, Eliseo Parra, Antonio Bravo, Andrés Rivas, Fernando Llorca, Roberto Somoza, Quin Garcia, Abe Rábade,entre outros.
No ano 2000 comezou a tocar como músico profesional nas banda de Mercedes Peón e Susana Seivane, participando en festivais nacionais e internacionais como: “La Nuit Celtique” (París, Bercy), “Celtic Connections” (Glasgow), “Euroceltes” (Estrasburgo), “Fok Festival” (Cambridge), “Músicas para un encuentro” ( Bos Aires, Montevideo), “Nuit Celt” (Istres), “Senglar Rock” (Cataluña), “Festival Folk Cantabria infinita”, “Festival de Martigues”, “Festival Zintzarria”, “Festival de la danse bretonne” (Guingamp, Francia), “Festival intercéltico de Lorient” (Francia), etc.
No ano 2012 pasou a formar parte da banda de Xoel López e do seu disco “Atlántico”.
Colaborou con músicos como Kepa Junkera, Xosé Manuel Budiño, Anxo Pintos, Rodrigo Romaní, Roberto Somoza, Marcos Teira, Uxia Senlle, Anatoli, Quin Garcia, Banda Crebinski, Banda das Crechas, Grupo de danza oriental Gaira, Aline Frazao, Chris Kase, Sergio Tannus, Njala Sami, etc. Abríndose a un amplo abanico de estilos musicais (folk, flamenco, pop, jazz, música árabe, etc.) que van conformando a súa bagaxe profesional.
Participou en gravacións como: “Ruta folk terra galega” con Amacuca; “Mares de Tempo”,”Os soños que volven” de Susana Seivane; “Nai”,”Magnetico zen”, “estamos no veran” de Xoán Curiel; Carta branca”de Xochilmica, Xúa, Kibitka, Banda Crebinski,”ABDC” de A Banda das crechas, Tic Tac, “toc-toc” de Pablo Díaz,”Na punta do pe” de Pesdelán, “Clave Bantu” de Aline Frazao, Son Brasilego” de Sergio Tannus, “Atlàntico” de Xoel Lopez.
Impartiu cursos no Conservatorio profesional de Santiago de Compostela, na Escola de Danza Gaira, no Museo do Pobo Galego, Centro Galego de Hospitalet, Escola das Artes de Brión, na Asociación Cultural de Trazo, no centro cutural Alfaia; así como concertos didácticos en diversos concellos de Galiza.
Actualmente combina os seus estudos, coa actividade como membro das bandas de: Susana Seivane, Pesdelán, Pablo Díaz, Xoan Curiel, Alejandro Vargas Trio, La Macorina, Miguel Flores Trio, Tischetein e diversos proxectos no ámbito do Jazz.