Novo itinerario na Escola Folque

AulaFolqueQuiquePeonEscola de Música Popular e Avanzada d’aCentral Folque inaugura unha nova via para a aprendizaxe da música galega coa ollada posta nas sonoridades e inflexións da música tradicional. Un curso para profundizar no coñecemento global desta linguaxe atendendo as especificidades locais coa aposta na renovación e contemporaneidade da música de raíz.  A proposta oferta un ensino inexistente na actualidade nas institucións oficiais (conservatorios e universidades) en Galicia pero si noutras partes de Europa e deseñado para músicos iniciados de calquera estilo, práctica e instrumento. Co apoio do Concello de Santiago e da Deputación Provincial da Coruña, comeza este novo curso, avalado polos quince anos de experiencia docente d’aCentral Folque neste ámbito.

O prezo para este curso é de tan só 270 €/ano e inclúen catro horas semanais de aulas (venres tarde ou sábado mañán) do 30 de outubro ao 26 de xuño e impartiranse no Auditorio de Galicia.

Son dous anos de programa cun primeiro curso de contidos xerais teóricos e prácticos e un segundo de especialización instrumental e estilística.

Este itinerario da Escola de Música Popular e Avanzada son aulas colectivas abertas a calquera persoa (con iniciación en práctica instrumental ou vocal) que queira coñecer a linguaxe da música tradicional galega, as súas especificidades, prácticas e contextos nos que se ten definido como elemento diferenciador así coma as conexións con outras estéticas musicais contemporáneas.

Os contidos deste programa son de carácter práctico e teórico e teñen como obxectivos principais afondar no estudo musical e discutir e esclarecer as problemáticas teóricas e cotiás relativas á vida profesional do músico especializado na linguaxe patrimonial galega con independencia da súa escolla ou tendencia estilística.

Os fundamentos teóricos e prácticos que se impartirán no primeiro curso son troncais e de obrigada realización para a totalidade do alumnado. As materias e contidos pivotan ao redor destes tres eixos:

  • Repertorio e prácticas: adaptación instrumental dos recursos interpretativos do canto, da gaita, ritmos, baile, …
  • Arranxos: harmonización, conxunto, improvisación, estéticas,…
  • Formas consagradas do patrimonio musical: teoría e análise, fontes, historia, etnomusicoloxía, …
  • Historia: contextualización histórica e social dos fenómenos musicais no noroeste peninsular.

No segundo curso deberá escoller unha das tres liñas de especialización. Estas son as áreas específicas propostas:

  • Música Tradicional e Folque
  • Música Popular Urbana
  • Músicas Contemporáneas

O plantexamento do ensino é recibir mestrado de especialistas en forma de seminarios únicos arredor dos contidos propostos polo claustro permamente da EMPA, de xeito que cada área terá unha persoa responsável (coordinadora) de unificar as ensinanzas e terá “mestres convidados” para que impartan aulas maxistrais sobre temas específicos.

A EMPA pivota ao redor de catro eixos, dirixidos polos seus respectivos coordinadores:

  • Música trad folque e repertorio: Óscar Fernández
  • Música popular urbana e harmonía moderna: Alejandro Vargas
  • Músicas contemporáneas e experimentais: Javier María López
  • Formas, etnomusicoloxía e análise: Sergio de la Ossa

A estes mestres permanentes, súmase un feixe de especilistas que impartirán seminarios exclusivos en distintas áreas: Ramom Pinheiro,  Rosalía Rodríguez Vázquez, Ugia Pedreira, Paulina Ceremuzynska, José Manuel Díaz, Cristian Silva, Montse Rivera,  David Bellas, Paulo Gonzales, José Luís do Pico Orjais, Bea Díaz, Nacho Muñoz, Belén Bermejo, Óscar Ibáñez, Belén Bermejo, Carlos Freire, Pablo Pérez, Fernando Abreu, Eduardo Bahamonde, Felisa Segade, Quique Peón, Maisa Lago,… e outros nomes que se irán definindo ao longo do curso así coma o calendario de cada un dos seminarios.

+ info:

>_ INFO PRÁCTICA

> _MATRÍCULA

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario