Flor Nova do Romanceiro Ibérico

A Fundación Barrié acolle na súa sede da Coruña o concerto Flor Nova do Romanceiro Ibérico, d’aCentral Folque co gallo da celebración do Bienio Pidalino, interpretado por:

  • Begoña Olavide con Javier Bergia (Castela)
  • Ugia Pedreira con Óscar Fernández (Galiza)
  • Catarina Moura con Luís Pedro Madeira (Portugal)

O acto terá lugar o vindeiro sábado 26 de outubro de 2019 no auditorio da Fundación Barrié en Coruña (Cantón Grande 9) con entrada libre até encher aforo.

Unha escenografía sobria, unha luz delicada, un templo para a palabra (cantada) en forma de romance. Unha selección única de voces, timbres, sonoridades, textos e melodías. As fontes do Romanceiro Ibérico transmitidas xeración tras xeración a través dos cantos das mulleres no ámbito doméstico, ou acompañadas de instrumentos polos xograres populares, chegan ao escenario da Fundación Barrié da man dunha selección das máis reputadas cantoras e músicos ibéricos especializados na súa performance contemporánea.

A FLOR NOVA DO ROMANCEIRO IBÉRICO será depenicada verso a verso por Begoña Olavide, a inigualable cantora madrileña especializada na música antiga e sefardí; Catarina Moura, que nos achega desde Portugal todo o sabor da honesta interpretación tradicional; ou a expresividade do acto comunicativo próxima á performance que logra a galega Ugia Pedreira.

Tres cantoras que comparten a querenza polas vellas músicas dos romances, pola calidade literaria dos seus textos, polas versións fermosas que nos legou a transmisión oral, e que conforma un universo musical que queremos agora reivindicar co noso canto. A este súmanse os mestres da tradición musical deses singulares instrumentos históricos de corda intimamente unidos ao longo dos séculos á interpretación do romanceiro. Óscar Fernández á zanfona, Pedro Luis Madeira ás violas de man portuguesas, Javier Bergia á guitarra e percusións  e a propia Olavide ao salterio ofrécennos abordaxes virtuosas e audaces cuns resultados ricos e sorprendentes. Este espectáculo singular conta ademais coa dirección escénica de Cristina Domínguez.

Nada hai tan gratificante e espontáneo como arrincarse a cantar co corazón na man. Unha comeza, outros acompañan ou escoitan pero é sagrado facelo ben, coa prosodia certa, e a intensidade e dinámica xustas da interpretación musical que chega a emocionar máis que as máis sofisticadas harmonías vocais. Fundamental é a escolla do repertorio e saborear cada sílaba, dicindo cancións que recuperamos agora, moitos anos máis tarde, cando chegamos a apreciar o pracer de compartir o canto con amigos que teñen a mesma querenza, o mesmo amor pola música que sae do máis fondo, da orixe mesma do que somos a día de hoxe.

INTÉRPRETES

Begoña Olavide con Javier Bergia
Considerada internacionalmente pioneira na recuperación e interpretación do salterio, Begoña Olavide é unha das mais importantes salteristas do momento con profundos coñecementos de canto, qanún e teoría da música andalusí-magrebí. Realizou concertos pola totalidade de Europa, Estados Unidos, Canadá, Brasil, Arxentina, Colombia, México, Marrocos, Alxeria, Tunes, Exipto, Siria, Líbano, Xordania, Kuwait, Israel, Rusia e Xapón. Traballou no cine con Carlos Saura e José María Forqué. En teatro con Adolfo Marsillach, Servando Carvallar e Juan Pedro de Aguilar, así como en documentais de historia, arte, publicidade e televisión. Na actualidade colabora con diferentes músicos de música antiga e árabe e colabora habitualmente con Jordi Savall en Hesperion XXI. Investiga tamén xunto ao luthier Carlos Paniagua sobre o salterio, as súas técnicas de construción e execución nos distintos períodos da historia e dirixe o grupo Mudéjar, que fundou en 1994, especializado en música antiga española. O repertorio de Mudéjar abarca a música española escrita entre os séculos XIII e XVI, ademais da de tradicións orais como a arábigo-andaluza e algúns romances.

Ugia Pedreira con Óscar Fernández
Unha das voces máis transgresoras, eclécticas e valoradas do panorama musical galego contemporáneo. Poeta da vida, pensadora e comunicadora irreverente, construtora de espazos escénicos desde movementos calados e pequenos, Ugia Pedreira cambiou desde a excepción e a minoría activa visións e percepcións no panorama musical galego. Navegante das vangardas pola súa capacidade de risco e de visión, espreme coa voz un mar de emocións vividas. Ten colaborado con David Murray substituíndo a Omara Portuondo, con Jorge Drexler, Eliseo Parra, Banda Bassoti, Kaki Arkarazo, Antón Reixa, Carlos Blanco e músicos tradicionais, do folk e do rock, en longo etc. Desenvolveu a súa carreira escénica en propostas de culto que continúan a ser reivindicadas por músicos, críticos e público como Marful, xunto con Pedro Pascual, Pablo Pascual e Marcos Teira; Nordestinas, xunto a Guadi Galego e o pianista Abe Rábade; Acróbata, en parcería co cantor brasileiro Fred Martins; o grupo de electrónica Eclectica Ensemble; o proxecto Descarga ao Vivo, con grandes mestres cubanos e galegos; ou Chouteira. Actualmente vén de publicar o exitoso libro-disco infantil A Comuna del Barruzo e comparte performances poetico-musicais coa súa parceira Marina Oural Villapol. Con ela abre a Oficina Galega doutros Asuntos do Movemento, para traballar sobre arte e saúde tamén desde a diversidade funcional e artística.

Catarina Moura con Luís Pedro Madeira
Catarina Moura integra desde 1999 a Brigada Victor Jara e o grupo feminino de cantares tradicionais portugueses Segue-me à Capela. Fixo parte do grupo Realejo entre 1999 e 2012. Participou no filme Fados, do realizador Carlos Saura. É autora e intérprete nun proxecto musical para o público infantil asentado nas tradicións portuguesas Taleguinho, cos espectáculos Costurar Cantigas e Histórias, Mundo ao Colo e Ficar a ver estrelas. Dinamiza oficinas de cantos tradicionais portugueses e de trabalinguas. Entre 2016 e 2018 encóntrase en digresión cunha co-produción da Fundación José Saramago e Trigo Limpo Teatro Acert para o Festival Literário de Óbidos de 2016: A ilha desconhecida, unha peza de teatro a partir dun conto de José Saramago. Intérprete/creadora do espectáculo Fica no Singelo, con dirección artística e coreográfica de Clara Andermatt, presente en escena desde 2014.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

2 Comments

  1. Pingback: FLOR NOVA DO ROMANCEIRO IBÉRICO | X O R N A L E I R A

  2. Pingback: II Flor Nova do Romanceiro Ibérico – Folque

Deixa un comentario