Esta mañá foi presentada aos medios en rolda de prensa a Escola de Música Popular e Avanzada e o concerto de mañá no Auditorio de Galicia no concello de Santiago co alcalde da cidade, Martiño Noriega e Goretti Sanmartín, representando ás entidades públicas que apoian esta iniciativa e con Ramon Pinheiro e Alejandro Vargas para falar dos contidos da mesma para iniciar esta nova etapa na pedagoxía musical do país.
Goretti Sanmartín recoñeceu a traxectoria dun centro formativo que “deu froitos importantísimos como Alba María, Linho do Cuco ou Davide Salvado, que elevan o cerne da autoestima do país cun desenvolvemento contemporáneo da música popular”. Na súa intervención, comprometeu o apoio da Deputación da Coruña para o que definiu como “espazo central para a música galega e para o país. Que atravesou momentos de dificultades mais que foron quen de superar e manter vivo este proxecto desde a perspectiva de dignidade, de situar a música popular da par doutras que gozaron sempre de maior prestixio”. Na mesma liña o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, valorou o traballo do centro e animou á veciñanza a participar da súa actividade.
Cun concerto que se desenvolverá no Auditorio de Galicia este martes ás 21.00 horas presentarase a nova aposta formativa d´aCentral coa mostra de todas as novas liñas de traballo. Alejandro Vargas Trío, Óscar Ibáñez Trío, The Delighful Companion, Óscar Fernández, Alba María e José Manuel Díaz compoñen o programa do concerto inaugural que presentará Xurxo Souto. “Levar as músicas populares a un escenario contemporáneo nunha escola nova e moderna”, apuntou o músico Alejandro Vargas.