Esta semana recibiremos a visita dun membro central para o proxecto curricular do Curso Maxistral da EMPA, Javier María López, compositor, pedagogo, escritor, flautista e coñecedor de diferentes linguaxes musicais. O título da master-class é “Culto-Patrimonial” e versará sobre os límites e influencias do popular no erudito e viceversa con exemplos de partituras de compositores históricos e recollas etnomusicolóxicas; o valor da improvisación e as experiencias personais para o enriquecemento dunha práctica colectiva.
Sobre Javier María López
Profesor titular da especialidade de “Historia da Música” en Conservatorio. Profesor titular da especialidade de “Música” en Ensino Secundario.
Como instrumentista obtén o Grao Superior na especialidade de Frauta, continuando a súa formación con profesores como Pierre Dumeil, Salvador Espasa ou Antonio Arias entre outros. Tamén se formou no campo jazzístico (piano, saxo, harmonía, arranxos), completando esta formación asistindo a seminarios con músicos como Barry Harris, Rick Peckman, Jorrit Dijkstra, ou co grupo “Jazz Borondon”.
No eido interpretativo foi integrante do grupo “O Demo da Mouta” seleccionado polo “Instituto de la Juventud” para os Circuitos de Música Xoven, facendo actuacións en diversas localidades do territorio español. Tamén foi membro do grupo “PH7”, có que participou coma relator no “VI Congreso Galego de Expresión e Arte”, e da formación “Clavijazz”, tocando con músicos coma Abelardo Rábade, Guillermo Lancelotti, Javier Denis ou Polo Ortí. Foi membro da orquestra de improvisación “O.M.E.GA”. Actualmente do proxecto TDC (“The Delightful Companion”).
Durante varios anos foi alumno de composición de José Luis de Delás, (profesor de Teoría e Composición no Conservatorio de Colonia, director de Improvisación do Departamento Musical de Bonn, e Premio de Nacional de Composición do Ministerio de Cultura en 1995). Asistiu a cursos de música contemporánea impartidos por Tristan Murail, Phillipe Hurel, Friedrich Hass, Claus-Steffen Mahnkopf, Hugues Dufourt, Eduardo Polonio, Alberto Posadas, César Camarero, Isabel Mundry, Beat Furrer ou Toshio Hosokawa. A todo elo une unha forte formación autodidacta. O seu catálogo abrangue diferentes obras para distintas formacións de cámara ou orquestra. Algunhas foron estreadas por agrupacións como “Filharmonía de Galicia”, “Intermission duo”, “Galicia XXI”, “Quinteto Pentafonía”, “Taller Atlántico Contemporáneo”, “Ensemble s21”, “Parkensemblet” ou “Grupo Instrumental Siglo XX”, ou instrumentistas como Eliseu Mera, Javier Simó, Pablo Devigo, María José Ladra, Javier Gutiérrez, Etienne Rolin, Bruno Laurent ou Diego Ventoso.
Paralelamente completa estudos universitarios licenciándose en Xeografía e Historia pola especialidade de Historia da Arte, obtendo o diploma de Suficiencia Investigadora. Sendo como é parte moi importante do seu labor, interésase polo mundo da pedagoxía musical. Acode a diversos cursos e seminarios con profesores como Jos Wuytack, Sofía López Ibor, Doug Goodkin, Keith Tierry, ou Fernando Palacios. Froito deste interese son algunhas das súas publicacións: “Experiencias de aula desde poéticas musicais do século XX”, en: Música y Educación, Nº 62, 2005; “A expansión formal como sistema de activación de procesos musicais”, en: Relafare, Xullo 2007; “Aprendiendo a través de la indeterminación”, en Leeme, nº 22, 2008. Tamén dentro do campo pedagóxico ten realizado o proxecto para a Consellería de Educación da Xunta de Galicia “Música contemporánea na aula de música: hai alguén aí”, enfocado á creación de actividades educativas e pedagóxicas para divulgar estilos musicais do século XX.
Así mesmo, impartiu cursos e charlas como: “La música contemporánea: metodología y propuestas para su aplicación pedagógica” (CFIE de Miranda de Ebro, 2012); “De la crisis finisecular del XIX al estío del XX”, dentro do curso “La música del siglo XX. Una sonoridad en constante evolución” (CFIE de Miranda de Ebro), 2014; ou “Das tendencias neoclásicas ó limiar da posmodernidade. Música no segundo terzo do seculo XX”, no III Ciclo de Música Contemporánea de Lugo. MHIL-Sons-XXI, 2015. Realizou concertos didácticos como “Taller didáctico para público de tódalas idades” nos “Seráns do TAC 2011”; “Folksongs de Luciano Berio. A música contemporánea e a canción tradicional como camiño de ida e volta”, (2012); “Moving into a new phase”, “O piano e a infancia”, e o taller para estudantes de música: “Aberto, pechado, libre ou atado” no II Ciclo de Música Contemporánea de Lugo, MHIL-Sons-XXI, 2014, así como o obradoiro aberto sobre improvisación dentro do festival “Espazos Sonoros” (2013).
No campo da musicoloxía asistiu a seminarios de formación con profesores como Ángel Medina, Carlos Asensio ou Charles Rosen, participando como relator nos V e VI Congresos da “Sociedade Española de Musicología”, e publicando os seguintes traballos: “Estudio iconográfico de los instrumentos musicales de la parroquia de San Xían de Ventosa (Pontevedra)”, en: Nassarre, Revista Aragonesa de Musicología, nº XV, 1999; “El uso de la iconografía: algunas pautas para el estudio de los materiales iconográficos del gaitero en Galicia”, en: Campos interdisciplinares de la musicología. Actas del V Congreso de la Sociedad Española de Musicología, Madrid, 2001.
Tamén no eido musicolóxico publicou “Concierto de flauta de Federico el Grande en Sans Couci”, en: Anatomía de la Historia, Xullo 2011; “Una mirada sobre Gustav Mahler”, en: Anatomía de la Historia, Decembro 2011. Escribiu a “Breve Historia de la Música”, para a editorial Now-tilus, 2011.
Realizou cursos de análise musical con Yvan Nomick, Elliot A. Antokoletz ou Jonathan Duntsby. Así mesmo, realizou o curso de especialización en etnomusicoloxía dos profesores Francisco Cruces Villalobos e Rafael Martín Castela, asistiu a seminarios con Bruno Nettl ou Polo Vallejo, foi relator na “II Semana Galega de Cultura Tradicional”, organizada pola asociación “Arco de Mazarelos”, e publicado os seguintes artigos: “Unha proposta con materiais recollidos na tradición oral”, en: Revista Galega do Ensino, n º 21, 1998; “Fauvel-Fonfría, musicoloxía- etnomusicoloxía: a cencerrada como obxecto e transformación”, en Relafare, Setembro 2006.
Participa na elaboración da música do CD-ROM de promoción de cidades patrimonio da humanidade Pécs, Verona, Tanum e Lugo do ano 2002, e das obras escénicas “Jalisia ¡Mi madriña!”, “Diáspora” e “A Invasión dos Pletoriáns”. Obtén no ano 1991 o segundo premio de composicións convocado pola asociación “Toxos e Xestas” de Barcelona. Nos anos 2005 e 2011 consegue o primeiro premio no certame de composición “Constantino Bellón”. Nos anos 2008 , 2009 e 2013 é finalista do mesmo premio. En 2011 obtén o segundo premio no concurso internacional convocado en Italia por “G.E.R.M.I.”: “Gruppo Europeo Ricerca Musicale Independiente”. En 2012 é finalista da novena edición do concurso internacional de composición “Città di Udine”. Premiado dentro das tres obras gañadoras do concurso “Counterpoint-Italy”, na súa quinta edición en 2014. O seu proxecto “Pasar por el aro” foi seleccionado para o “II International Meeting” da asociación “Temp’ora”, Sofía (Bulgaria) 2013. Seleccionado para presentar diversos proxectos no “III International Meeting” da asociación “Temp’ora” en Burdeos (Francia), 2014. Seleccionado como alumno (panel de lectura, clase individual, master class) para o III International Festival Mixtur, Barcelona, 2015.