Anunciamos os cursos presenciais para esta edición especial do festival Zona da Zanfona. Ademais dos obradoiros de interpretación temos unha novidade moi salientábel como é o de Construcción que permitirá ás persoas asistentes aprender a montar un modelo básico do instrumento e, con certeza, levalo para súa casa. A equipa do ZdZ leva meses traballando para ofrecer esta actividade con algunhas simplificacións e melloras do deseño orixinal da NerdyGurdy de Jaap e Fay Braand para acadar ao final do curso un instrumento acabado e funcional e os coñecementos precisos para facelo por conta propia.
Ademais teremos máis un ano o curso de iniciación e achegamento á zanfona con Óscar Fernández. O curso avanzado será conducido polo multiinstrumentista valenciano Efrén López.
O período de inscrición será do 15 ao 30 de xuño e por as prazas aceptadas por orde de recepción. Aforo limitado. Mail de contacto: matricula@folque.com
Os protocolos sanitarios serán de implantación obrigatoria, o distanciamento físico e medidas de limpeza seguidos con escrupulosa atención.
Estes son os cursos para a edición número 16 do Encontro Internacional Zona da Zanfona. Pica en cada un para ver as indicacións respectivas, matrícula e información extendida:
- Construción zanfona con Suso Gestal
- Zanfona Iniciación con Óscar Fernández
- Zanfona Avanzado con Efrén López
Curso de construcción con Suso Gestal. Venres 3 e sábado 4 de xullo
Durante dous días de intenso traballo de bricolaxe organolóxico, o obxectivo será rematar o curso coa zanfona montada e funcionando cos axustes básicos así coma os consellos para a súa posta a punto. Como todos os instrumentos, o proceso de consolidación dun novo demora unhas semanas. Este traballo debe ser feito por cada unha das persoas asistentes nos días seguintes ao obradoiro para garantir o mellor resultado desde o punto de vista organolóxico e acústico. O material estructural e resoante é madeira con todas as pezas para o obradoiro xa cortadas á medida e a láser; detalles mecánicos como tempereiros, cordoeiro, veo ou cabalete móbil (can) en pezas de impresión 3D en PLA (polímero de orixe natural) ou en aceiro inoxidábel de ferrallería comercial para o eixo, parafusos, rodamentos e cravixas.
A zanfona construída é un modelo básico con:
- 2 cordas melódicas
- 1 bordón
- 1 trompeta (bordonciño rítmico)
Dificultade: media. É recomendábel ter algo de maña ou experiencia previa no traballo en madeira ou montaxe de elementos mecánicos.
- Data: venres 3 e sábado 4 de xullo 2020
- Lugar: Auditorio de Rianxo
- Horario: 10-14h e 16-20h
- Prezo: 600€
Zanfona Iniciación con Óscar Fernández. Venres 3 de xullo
Óscar Fernández ofrece un curso de iniciación á zanfona para o que non é preciso posuír instrumento. ZdZ ten zanfonas a disposición das persoas interesadas en achegarse dun xeito intenso nunha xornada para músicos ou non músicos que queiran descubrir este universo sonoro desde cero.
O curso ten unha duración de catro horas intensivas con descansos recorrentes para lavar as mans e ventilar a sala.
- Data: venres 3 de xullo 2020
- Lugar: Auditorio de Rianxo
- Horario: 16-20h
- Prazas limitadas -6-
- É preciso traer máscara que cubra as vías respiratorias; lavar as mans frecuentemente durante o curso; a aula onde acontece o curso será igualmente ventilada durante os descansos.
Zanfona avanzado con Efrén López. Sábado 4 de xullo
O músico, compositor e arranxista Efrén López ofrece este curso para persoas iniciadas no instrumento. Este obradoiro de sete horas está dirixido a zanfonistas de todos os niveis que desexen expandir as posibilidades do seu instrumento, incorporando novos repertorios, ornamentación, frases e ritmos ás técnicas e estilos de zanfona máis habituais.
Con ese propósito, sacarase o instrumento do seu contexto máis usual (música antiga, folk europeo…) para “contaminalo” con elementos tomados doutras tradicións (Bulgaria, Grecia, Creta, Turquía…) destilando destas elementos interesantes que axuden a enriquecer o son, independentemente do estilo de música que toques habitualmente.
- Data: sábado 4 de xullo 2020
- Lugar: Auditorio de Rianxo
- Horario: 10-14h; 16-19h
- Prezo: 35€
- Ouvintes: 25 €
- Prazas limitadas -15-
Inscrición:
- Correo electrónico: matricula@folque.com
- Enviar e-mail cos seguintes datos: Nome e apelidos / correo electrónico / número de teléfono
- Datas de inscrición: do 15 ao 30 de xuño
Debes escribir un mail para anotarte. Recibirás a confirmación para a túa praza e os datos de pagamento. Disponibilidade segundo a orde de recepción do correo e pagamento da matrícula.
Sobre o curso:
Aínda que non é esencial, recoméndanse nocións de lectura de solfexo.