Efecto Proximidade, día 2

EfectoProximidade_sqNovo día na programación deste Efecto Proximidade de agosto/setembro para este xoves 25 de agosto no mercadiño de Salgueiriños. Baixo o nome de Efecto Proximidade, aCentral Folque organiza unha serie de actividades promovidas polo Concello de Santiago de Compostela para dinamizar unha das feiras regulares máis coñecidas da cidade: o mercadiño de Salgueiriños. Esta proposta enmárcase na axenda do Concello para promover o desenvolvemento económico e social dos mercados de Compostela e pretende conxugar elementos lúdicos, artísticos, formativos e gastronómicos coa creación de dinámicas de desenvolvemento do mercado de Salgueiriños tendo en conta aos actores e axentes locais.

Para este segundo día de actividades no verán de 2016, ofrecemos:

 

PROGRAMA ARTÍSTICO

  • 11-11.30 e 12.30-13

Os Brigadiers

Se alguén ten experiencia na rúa, eses son os músicos dos Bregadiers. Mete nunha batidora dúas brass bands con anos de experiencia como a “St James Street Band” e “A Magnifique Bande dos homes sen medo”, misturao con boas ondas e terás este fabuloso experimento. Unha cousa é certa, se xuntamos os quilómetros pateados por por cada un deles, poderíamos dar duas voltas á terra sen problemas.

  • 11.30-12.00 e 13.00-13.30

Menú de Contos de Charo Pita

Existen encontados de moitísimos tipos: princesas, sapos, bruxos, bonecos, trens, fabas, reis, lúas, papóns, dragóns, camelas… todas e todos encontados en palabras. Como os tomates en conserva ou os mexillóns en escabeche. E a lata vaise abrindo aos pouquiños, frase a frase, cun dicir parrochento, cos labios relaxados e as orellas frescas. É importante sentir nos oídos o gusto peculiar de cada historia. Iso alimenta. Como o leite condensado ou os melocotóns doces. Hai historias salgadas ao xeito das patacas fritidas sempre alegres e riseiras. Outras son misteriosas como os paquetes de gotogrós que xa non se venden nas tendas. Hai historias tristes como os botes de espárragos e mesmo tenras como os filetes de pescada. Depende do menú do día. De como veña a encontadora. De como sexa a fame dos que escoitan. Pero todas dun xeito ou outro axudan a medrar porque teñen vitamina I de Imaxinativas.

 

CARPA ACTIVA

  • 11-13h

Laboreando, compartimos coñecementos

Acción permanente onde encontrarás unha mixtura de exposición, desmostracións e intercambio de coñecementos de diferentes labores: ganchillo,calceta, bordado, costura… aberta a todas aquelas persoas que gosten de participar. Aproveita que no propio mercado podes atopar os materiais necesarios para a elaboración dos mesmos.

A partir desta experiencia de fluxo de coñecementos desenvolverase unha instalación laneira na última xornada de verán. As participantes nestas quedadas deseñaran pequenas pezas co obxectivo de penduralas ao longo dos postos do mercadiño. Asistencia técnica e asesoramento para a reciclaxe téxtil. Prestarase o servizo con técnicas sinxelas para cambiar ou modificar pezas de roupa concretas e de segunda man, utilizando novos materiais de mercería que facilitan o labor sen ter que recorrer á costura, como son pegamentos téxtiles ou fliselinas.

Queres saber mais? http://elaboraciontextil.blogspot.com.es/

  • 12-12.30

MicroObradoiros

  • 11.30-12//12.30-13.30

Espazos asociativos

A Carpa como lugar de encontro e visibilización do tecido asociativo da contorna e da cidade

  • 12-13

Troco de Xoguetes

Ven a trocar os xoguetes que xa non usas… Unha aposta por achegar ás mais pequenas da casa a idea do reuso e intercambio de obxectos en desuso para nós, pero que poden ser novidade para outras.

 

ConSumo Gusto

  • 12-13.30

Degustación e elaboración de zumes de froitas e hortalizas, smoothies e batidos…

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe

Bookmark the permalink.

Deixa un comentario